160317 tala seixalvo 1As árbores son símbolo de vida en tódalas culturas da humanidade. As cidades, as aldeas, a sociedade no seu conxunto comeza a morrer cando morren as súas árbores. A desaparición inxustificada das árbores nas rúas, a corta polo pé das nosas amigas e das nosas protectoras, tanto na urbe como ao longo das estradas mostran, falla de sensibilidade, de incultura e deshumaniza as nosas vilas e cidades.

A cultura e as capacidades da cidadanía refléxanse no arborado do lugar en que viven e dos que son responsables dos seus coidados e da súa axeitada protección. Triste dicilo, mais triste aínda é observar como as  persoas responsables de facer cumprir as normas estragan o patrimonio natural con total impunidade. A destrución e o ataque ao arborado urbano é unha demostración máis de que estamos gobernados por ineptos e por especuladores. O “arboricidio” convertido nunha práctica e nunha tradición cotiá.

Sr. Alcalde do Concello de Ourense, Sra. Conselleira da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, vostedes son culpables do estragamento (da corta polo pé) das árbores que había en Seixalbo, na Rabaza, en Cudeiro, a carón do Xardín do Posio, da carballa centenaria da capela do san Bieito de Sartédigos…vostedes son culpables de decapitar as árbores ao longo das estradas do país sen seguir ningún criterio dos sinalados nos manuais máis básicos de arboricultura.

Sr. Alcalde e Sra. Conselleira, lembrámoslles que hai unha Carta de Barcelona que recolle os Dereitos das Árbores na Cidade (1995), que hai unha Declaración Europea da Árbore Ornamental (2013); que estas árbores tiñan ademais de valor medio ambiental e social un alto valor económico, recomendámoslle que lean a Norma Granada na que se establecen os criterios para a valoración das árbores ornamentais. Parte das árbores que vostedes cortaron polo pé formaban parte do patrimonio mundial da humanidade ao estar na Vía da Prata Camiño Mozárabe (primeiro Itinerario Cultural Europeo, protexido pola UNESCO e con Lei de protección propia “Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago). Xa que vostedes incumpren as normas e a lexislación da que nos dotamos os humanos, alomenos debían seguir os consellos do guía espiritual da igrexa católica, aconsellámoslles que lean a encíclica do Papa Francisco Laudato si e que poñan en práctica o recollido na mesma.

160317 tala seixalvo 2

Se o anterior non abonda, dámoslle outras sete razóns para protexer e coidar as árbores nas cidades, nas poboacións e nas contornas urbanas:

1º. Axudan a mitigar a contaminación e melloran a saúde dos cidadáns
As árbores, ademais de mellorar a calidade do aire, mitigan a contaminación de aldeas e cidades e melloran a saúde das persoas.
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) sinala ao traveso de varios estudos que a proximidade das árbores reduce a asma infantil, as alerxias e teñen efectos psicolóxicos e terapéuticos positivos.

2º. Axudan a aforrar enerxía
As cidades sofren o efecto “illa de calor”, polo que aumenta a temperatura en varios graos. As árbores evaporan auga, dan sombra e regulan a temperatura na súa contorna, fan de muralla contra o vento e as correntes de aire…

3º. Revalorizan as vivendas e as cidades e poboación
As vivendas con árbores na súa contorna ou na mesma propiedade aumentan entre un 10% e un 23% o seu valor económico.

4º. Combaten o efecto invernadoiro
As árbores atrapan o dióxido de carbono (CO2), o gas de efecto invernadoiro con maior impacto no cambio climático, calculase que 2.000 árbores poden atrapar ao ano 160 toneladas de CO2.

5º. Aumentan a biodiversidade local
As árbores son o fogar e alimento para numerosas especies de animais e vexetais. A biodiversidade e os beneficios que ela ofrece é maior cantos máis árbores, matogueiras e parques urbans e periurbans teña unha cidade ou poboación.

6º. Conservan a calidade da contorna
As árbores producen materia orgánica, as súas raíces incrementan a permeabilidade do solo. Reducen a corrente das augas, diminúen a erosión do solo e as sustancias químicas que van aos acuíferos e ríos.

7º. Melloran a nosa paisaxe e son exemplo de cultura
Son símbolo de vida en tódalas culturas, harmonizan a paisaxe. Son o contacto coa natureza dunha humanidade cada vez máis artificial e fuxida dos ecosistemas naturais.

Sr. Alcalde de Ourense e Sra. Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, solicitamos e esiximos:

_ A paralización inmediata das cortas polo pé das árbores existentes nos espazos públicos (parques, xardíns, estradas, rúas…). Aplicación dos consellos existentes a nivel internacional para a protección do patrimonio arbóreo.

_ Que as podas e tratamentos as árbores sexan realizados seguindo os criterios recollidos nos tratados de arboricultura. Non imos admitir máis decapitacións de árbores, nin que sexan cortadas polo pé sen xustificación.

_ A inmediata reposición das árbores que foron cortadas ao longo dos últimos anos nas estradas de caracter local, autonómico e estatal. No caso de Seixalbo, solicitamos e esiximos a humanización da estrada OU-105 (reposición das árbores cortadas polo pé, construción de alcorques e plantación de especies axeitadas ao que ten que ser un bulevar que entronque coa trama urbana de Ourense, rotondas e pasos cebra….) unha estrada máis humanizada e con máis e mellor seguridade vial.

Ourense Cidade Termal, Ourense integrante da Rede Europea de Cidades Sustentables e asinante da carta de Aalborg. Sr. Alcalde de Ourense, Sra. Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, todos e todas sabemos que as árbores son indispensables para a vida no planeta, todos e todas sabemos que os inimigos das árbores son inimigos da vida. Todos e todas hoxe esixímoslle que as árbores pasen a formar parte da prioridade dos seus gobernos, que sexan coidadas e protexidas axeitadamente.

Os convocantes do acto que hoxe celebramos en desagravio as nosas árbores consideramos que os/as responsables destes atentados contra o patrimonio arbóreo de Ourense, como mínimo, deben por o seu cargo a disposición de quen os nomeou.

“Se perdemos as árbores perdémolo todo”

Seixalbo, 17 de marzo de 2016

160317 tala seixalvo 3

Hoxe en Seixalbo deixamos ao pé da estrada e do Camiño de Santiago (pradairos, carballos, bidueiros e freixos) para que os responsables desta desfeita arbórea os planten no lugar antes ocupado polas árbores centenarias que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Ourense cortaron polo pé.
No Campo da Infesta (parque central de Seixalbo) deixamos plantados como “símbolo de vida” un teixo, un acivro e un carballo do país.

“Nin ás árbores poden vivir sen terra, nin a Terra pode vivir sen árbores” J.Saramago

Plataforma “Rios Limpos”, Asociación Mulleres Rurais, CD Seixalbo, Asociación Veciñal San Breixo, Asociación cultural As Agromadas, Amigos da Terra