O Concello de Vilaboa e Amigos da Terra, poñen en marcha no municipio, un programa de compostaxe doméstica dirixido a 50 familias. Unha aposta firme e decidida por mudar o modelo de xestión dos residuos no municipio.
A preocupación do Concello de Vilaboa polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación, foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa que comeza mañá coa fase formativa.
O proxecto iniciouse hai xa uns meses co proceso de selección de familias, os requisitos para participar incluían o habitar unha vivenda unifamiliar de Vilaboa con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda. Finalmente, escolleronse 50 familias participantes que cumprían estes requisitos e mantense aberta unha lista de espera no Concello para posteriores ampliacións do proxecto.
A parte formativa do ten lugar mañá venres ás 20h na casa da Cultura de Riomaior.
Trala formación efectuaráse o reparto de material, por parte do Concello que consistirá nun composteiro de 400 litros a cada familia participante e un manual de compostaxe para coñecer máis do proceso.
A veciñanza contará, durante un ano, co asesoramento técnico persoalizado a domicilio, por parte das técnicas da asociación ambientalista que levará a cabo o proxecto, Amigos da Terra.
Durante este ano traballarase co obxectivo de reducir os residuos orgánicos producidos no concello, obter un abono de calidade, e concienciar á cidadanía da problemática asociada aos residuos.