Durante este mes de febreiro e principios do mes que ven Amigos da Terra continúa coa Escola de Sustentabilidade, un proxecto educativo para proporcionar espazos de formación, participación, debate e definición de accións sobre diferentes temáticas ambientais, que nos afectan tanto aquí, no norte, como nos países do sur.
Desta volta a temática escollida será a análise do Acordo de París, que se aprovou a principios de decembro na maior cume mundial contra o cambio climático da década, coñecida como COP 21. Dado que varias activistas da asociación estiveron presentes en París, aproveitaremos a súa experiencia para divulgar e analizar o acordo final, un acordo decepcionante e inaceptable que agora reclama o protagonismo da cidadanía. Agora máis que nunca teremos que poñer en valor o slogan de Amigos da Terra “Pensar globalmente. Actuar localmente“.
Levaranse a cabo actividades en distintas cidades de Galicia, polo que se eres unha persoa interesada ou implicada na defensa do medio ambiente non tes excusa para achegarte a algunha:
“Mobilización e participación social. Experiencia de Amigos da Terra na COP de París”.
Data: 3 de febreiro
Hora: 12:30
Lugar: Aula 02, planta baixa – Edificio de Ferro (Ourense)
O profesor de Educación Social, Anxo Fernández, cederanos unha sesión da materia de terceiro curso, “Dinámica de grupos e intervención psicosocial comunitaria” onde Bran López Luengo contará a súa experiencia como activista na COP. Ademáis explicará as distintas accións e metodoloxías de participación social que se levaron a cabo en París, así como o traballo con grupos para fomentar e canalizar esa participación.
Fotoacción sobre o “Cambio Climático”
Levarase a cabo unha fotoacción co alumnado de Eduación Social como medida de visibilización da loita contra o cambio climático.
Charla debate: “Cumio do Cambio Climático. Que hai detrás do acordo de París?”.
Data: 3 de febreiro
Hora: 19:30
Lugar: Librería Berbiriana – R/ Santiago 7, A Coruña
Amigos da Terra en colaboración con Equo A Coruña, organizan unha charla-debate na cidade de A Coruña para valorar o decepcionante acordo internacional acadado no XXI Cumio do Cambio Climático realizado en París.
A co-voceira de Equo-A Coruña, Silvia Pinal, explicará en que consistiu o cumio e cales eran as expectativas dos movementos e organizacións sociais.
A activista de Amigos da Terra, Sofía Marbán Lorenzo, compartirá cas persoas asistentes a sua experiencia na COP21, ofrecendo unha visión crítica do acordo resultante e achegará a súa visión fronte as alternativas de liñas de traballo asociativas.
Finalmente, entre todas as persoas asistentes abrirase un debate sobre os resultados do cumio e as alternativas posibles que pode impulsar a cidadanía.
Mesa redonda: “Cumio do Cambio Climático. Análise cientifíca e ecoloxista despois da COP”. Ourense
Data: 17 de febreiro
Hora: 12:00
Lugar: Salón de Actos Marie Curie – Facultadade de Ciencias (Ourense)
Amigos da Terra e a Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo organizan unha mesa redonda para expor a súa visión sobre o acordo de París. O Vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez Vázquez acompañado polo Decano da Facultade de Ciencias, Gil Garrote Velasco, serán os encargados de presentar a mesa redonda onde a comunidade científica e os movementos ecoloxistas exporán a sua visión sobre o acordo de París.
Nieves Lorenzo González, área de Física da Terra da Universidade de Vigo. Analizará as evidencias científicas do cambio climático, como afecta a Galicia, que límites se propuxeron no acordo de París e, tras a súa aprobación, que valoración se fai a nivel científico.
Raquel Fernández Rodríguez, área de Clima e Enerxia de Amigos da Terra. Explicará como enfocou o cumio o movemento ambientalista para intentar xerar debate social e exercer presión política para acadar un acordo con contido. Tamén achegará as propostas de cambio a diferentes niveis, político, lexislativo pero tamén persoal, que propoñen as asociacións ecoloxistas.
Bran López Luengo, activista de Amigos da Terra. Compartirá a sua experiencia na COP21 como foi a súa participación nas distintas actividades que se levaron a cabo xunto a outros varios de miles dun enorme e variado crisol de movementos sociais, en mobilizacións e accións de rúa que deron voz á xente de todo o mundo.
Finalmente, entre todas as persoas asistentes abrirase un debate sobre os resultados do cumio e as alternativas posibles que pode impulsar a cidadanía.
Mesa redonda: “Cumio do Cambio Climático. Análise cientifíca e ecoloxista despois da COP”. Vigo
Data: 24 de febreiro
Hora: 12:00
Lugar: Salón de Graos
Facultade de Bioloxía de Vigo
Amigos da Terra e a Asociación de alumnos da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo organizan unha mesa redonda onde a comunidade científica e os movementos ecoloxistas exporán a sua visión sobre o acordo de París.
Xavier Labandeira, Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Analizará o acordo de París a valoración se fai a nivel científico, tras a súa aprobación.
Antón Lois Estevez, activista de Amigos da Terra. Aportará a visión dos movementos ecoloxistas así como as evidencias que existen do cambio climático non só a nivel global, especialmente visibles nos países máis empobrecidos senon a nivel local, en Galicia.
Bran López Luengo, activista de Amigos da Terra. Compartirá a sua experiencia na COP21 como foi a súa participación nas distintas actividades que se levaron a cabo xunto a outros varios de miles dun enorme e variado crisol de movementos sociais, en mobilizacións e accións de rúa que deron voz á xente de todo o mundo.
Finalmente, entre todas as persoas asistentes abrirase un debate sobre os resultados do cumio e as alternativas posibles que pode impulsar a cidadanía.
Xornada: “O activismo en bicicleta”. Ourense
Data: 25 de febreiro
20:30 saída da masa crítica da Subdelegación do Goberno para probar ruta carril bici
21:30 reunión no bar O Renque para experiencia da experiencia en bici na COP
No pasado cumio do cambio climático, dúas activistas de Amigos da Terra, Jana Nuñez e Agnes Csirmaz viaxaron durante semanas en bicicleta, xunto a compañeiros/as de outras organizacións na iniciativa “Marcha Soluciones al cambio climático” para chegar ata a zona de conferencias. Polo tanto, aproveitando que o último xoves de cada mes a masa crítica de Ourense reúnese para reinvidicar o uso da bicicleta en Ourense, convidámosvos a participar nunha xornada festiva conxunta. Así, nun primeiro momento probarase e analizarse unha proposta de carril bici de Xavier Barreal que se levará a mesa de mobilidade. E, posteriormente reunirémonos no bar O Renque para que a través dunha exposición lúdica e amena, Agnes comparta a súa experiencia en bici na COP.
Proxección do documental de Naomi Klein: “Isto cámbiao todo”. Vigo
Data: 2 de marzo
Hora: 20:15
Lugar: Auditorio Edificio Cambón
Rua Oliva 3, Casco Vello. Vigo
Documental sobre as fatais consecuencias do cambio climático no noso planeta, a través de varios exemplos en diferentes países nos que a actividade humana, sempre promovida polo negocio dos recursos da natureza, está a desestabilizar o clima e o equilibrio natural de forma irreversible, en especial nas últimas décadas. Sen embargo, ao longo do filme vaise construíndo unha idea controvertida e emocionante: que podemos aproveitar a crise existencial do cambio climático para transformar o noso sistema económico que fracasou para convertelo en algo radicalmente mellor.
Escrito, e narrado, pola xornalista e investigadora canadiense Naomi Klein, recoñecida activista que saltou á fama polo seu libro “No logo”, no que arremetía contra as grandes corporacións, e co que se converteu nunha personaxe moi influinte no movemento antiglobalización.
Ao final da proxección, Águeda Novo, unha das activistas de Amigos da Terra que estivo na COP 21 compartirá a sua experiencia e comentará como foi a súa participación nas distintas actividades que se levaron a cabo xunto a outros varios de miles dun enorme e variado crisol de movementos sociais. Finalmente, Antón Lois, moderará un debate entre todas as persoas asistentes para comentar os resultados do cumio e as alternativas posibles que pode impulsar a cidadanía.
Todas as actividades son de balde máis para poder asistir as charlas será necesario inscribirse no correo electrónico, voluntariado.galicia@amigasdaterra.net.
Máis información: voluntariado.galicia@amigasdaterra.net.
Tlf: 988374318
A escola de sustentabilidade é un proxecto europeo impulsado e coordinado por Amigos da Terra Europa co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Internacional e ao Desenvolvemento da Unión Europea (EuropeAid).