sub 02 formacion-300x200Amigos da Terra ten como misión fomentar o cambio local e global cara unha sociedade respectuosa co medio ambiente, xusta e solidaria. Para conseguir isto comezamos un proxecto para proporcionar ferramentas e instrumentos necesarios para desenvolver a comprensión crítica do mundo e o noso papel nunha sociedade globalizada, e fomentar a participación activa en temas de xustiza ambiental.

Doutra banda, o slogan de Amigos da TerraPensar globalmente. Actuar localmente” vai ser clave nos próximos meses, dado que a finais dese ano vaise a producir un acontecemento transcendental para o devir do cambio climático e por tanto do medio ambiente. A principios de decembro vaise a celebrar a maior cume mundial contra o cambio climático da década, a Conferencia das Partes da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2015, coñecida como COP 21 ou París 2015. Trátase dunha data crucial, xa que debe desembocar nun novo acordo internacional sobre o clima aplicable a todos os países.

En definitiva, con este proxecto buscamos xerar espazos de formación, participación, debate e definición de accións sobre diferentes temáticas ambientais, como nos afectan aquí e aos países do sur. E ademais, entre a xente que participe nestas formacións financiaranse prazas para acompañar á organización a París á COP 21, como máximo expoñente do activismo comprometido e reivindicativo.

A escola de sustentabilidade é un proxecto europeo impulsado e coordinado por Amigos de la Tierra Europa co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Internacional e ao Desenvolvemento da Unión Europea (EuropeAid).

.

PÚBLICO OBXECTIVO

Socias/os e activistas de Amigos da Terra, persoas vinculadas a outras asociacións ou simplemente persoas interesadas ou implicadas na defensa do medio ambiente.

ACTIVIDADES

1. Escola de sustentabilidade

Durante outubro realizaranse 2 sesións formativas onde se tratarán os seguintes temas:

Sesión 1. Buscando o cambio en París. Activismo no cumio mundial do cambio climático (COP 21)

Data: 21 de outubro

Hora: 18:30

Lugar: Aula B2 — Facultade de Ciencias (Ourense))

Durante esta sesión falarase sobre o concepto de activismo e ecoloxismo ambiental e o presidente de Amigos de la Tierra España, Víctor Barro, contaranos a súa experiencia en outros cumios ou actos reivindicativos. Reflexionarase sobre a actual política sobre cambio climático e as consecuencias e implicacións, tanto no norte como no sur, do novo acordo de limitación de emisións no cumio de Nacións Unidas sobre cambio climático, a COP París 2015.

Tamén traballaremos nunha choiva de ideas de accións de cara a Marcha polo Clima que terá lugar o día 29 de novembro, horas antes de que as/os líderes mundiais cheguen a París para asistir ao cumio climático.

Sesión 2. ReparAcción. Activándonos contra a obsolescencia programada.

Data: 28 de outubro

Hora: 18:30

Lugar: Aula B2 — Facultade de Ciencias (Ourense)

Que é iso da obsolescencia programada? Como chegamos a elo? Exemplos e implicacións sociais e ambientais. Vinculación ca redución, reutilización e a reciclaxe de residuos. Medidas sinxelas e prácticas que todos e todas podemos levar a cabo.

Para poder asistir as charlas será necesario inscribirse no correo electrónico, voluntariado.galicia@amigosdaterra.net.

Así mesmo para a difusión das propias charlas e outras campañas que actualmente ten Amigos da Terra, vinculadas a temas como a soberanía alimentaria, enerxías renovables, transxénicos, compostaxe entre outros, poñeranse mesas informativas con persoal voluntario da asociación os días previos en horario de maña de 11 a 13 horas.

cop clima


2. Viaxe á COP 21 París

A nosa organización a nivel internacional está a preparar unha gran mobilización en París coincidindo cos vitais negociacións sobre Cambio Climático (COP 21) que terán lugar alí ata mediados de decembro e dende Galicia partirá un continxente de activistas que se sumará a esta gran mobilización na que participarán milleiros procedentes de territorios de todo o mundo portando a voz de milleiros de cidadáns do planeta que claman por unha solución a esta gran ameaza.

Para aquelas persoas interesadas en ser parte desta gran mobilización ecoloxista, e que participaran previamente na formación da Escola de Sustentabilidade, Amigos da Terra cubrirá parte dos gastos asociados a esta expedición de catro días (do 10 ao 13 de decembro) ao cumio COP 21 París. Alí serán parte dunha enorme masa de activistas de Amigos da Terra a nivel internacional, así como dunha multitude de organizacións sociais procedentes de todo o mundo aliadas na causa común da loita contra o cambio climático. Será unha emocionante experiencia de reivindicación e encontro entre activistas de distintas procedencias, culturas, sensibilidades, que dará a oportunidade de participar nas distintas actividades programadas pola sociedade civil, tales como manifestacións, obradoiros, charlas, debates, etc.

A asunción dos custos da viaxe a COP 21 por parte da asociación conlevará un compromiso de colaboración da persoa a súa volta, que deberá contribuir á divulgación e sensibilización mediante charlas ou outras actividades sobre cambio climático en Galicia.

Máis información: voluntariado.galicia@amigasdaterra.net

Tlf: 988374318

logo ano europeo2015

Amigos da la Tierra España e Amigos da Terra agradecen a axuda financeira da Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Os contidos deste evento e os seus materiais  son de exclusiva responsabilidade de Amigos da Terra e non poden considerarse como un reflexo da posición da Unión Europea o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. A Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente non se fan responsables do uso que poida facerse da información proporcionada neste evento e nos seus materiais.