Dende Amigos da Terra traballamos pola redución de residuos e o consumo responsable, e este ano queremos dar un paso máis cara a busca de solucións e ofrecer unha ferramenta práctica á cidadanía que estea disposta a apartarse da sociedade de consumo devoradora de recursos naturais.
Este proxecto de ámbito estatal, realizarase nos diferentes grupos locais de Amigos da Terra: Mallorca, Ibiza, A Rioxa, Madrid, Andalucía, Aragón e Galicia.
Que imos facer?
Queremos crear un mapa de recursos para todas aquelas persoas que aposten pola reutilización e a reciclaxe, evitando así consumir novos produtos e deixando de xerar residuos.
O mapa sería un directorio de pequenas empresas ou negocios, organizacións, cooperativas, etc da túa contorna, que traballen pola reparación, reutilización, reciclado ou a venda de segunda man.
Queremos recollelos todos e dar á cidadanía a posibilidade de acudir a estes establecementos para reparar, para comprar de segunda man ou para adquirir produtos que foron reciclados.
Poderíamos así atopar os zapateiros do noso arredor para levar as botas desgastadas, a tenda de segunda man para comprar libros de texto do ano pasado ou o servizo técnico que pode arranxar a radio estragada, en lugar de comprar unha nova.
Que necesitamos?
Necesitamos xente que queira implicarse atopando todos estes establecementos e que cubran a ficha necesaria para que pasen a formar parte do noso mapa de recursos.
A información recollida en todas estas fichas será vertida a unha ferramenta electrónica que se reflectirá nunha páxina web. Aquí tedes o exemplo feito por Amigos da Terra en Francia: www.produitspourlavie.org/annuaire

Que tempos temos?
O mapa estará listo a primeira semana de novembro aínda pero despois podemos seguir enviando máis información, a intención é cubrir o máximo de cidades, vilas e pobos en Galicia.
Por tanto, pedimos a túa colaboración! escríbenos a voluntariado.galicia@amigasdaterra.net.
Máis información: maria.duran@amigasdaterra.net
Tlf: 988374318