Rolda prensa municipais 2015 VigoSolicitan a todos os partidos que eleven ao 0,2% do orzamento municipal a achega para políticas de Cooperación ao Desenvolvemento e que dobren o número de traballadoras sociais do Concello, entre a batería de medidas que explicaron este mércores en rolda de prensa. En definitiva, búscase ter unha cidade máis xusta e solidaria na que o próximo equipo de goberno se comprometa coas persoas que máis o necesitan, estean aquí ou en países do Sur.

 

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e a Rede Social Galicia Sur, que aglutinan a unhas 50 organizacións, presentaron este mércores un documento de propostas electorais para as eleccións municipais do próximo 25 de maio. Nas mesmas, piden aos partidos políticos que optan a gobernar Vigo durante os próximos 4 anos compromisos no nivel de achega económica en Cooperación para países empobrecidos, expoñendo medidas transversais de promoción e defensa dos dereitos humanos, e mellorando as políticas sociais propias do Concello na cidade de Vigo.

Nese sentido, reclámase unha maior coordinación entre a administración municipal e as entidades do terceiro sector para promover políticas sociais máis eficaces. Reclaman un incremento nos recursos sociais do departamento de Benestar Social para dar resposta ás necesidades das persoas. En concreto, dobrar o número de traballadoras sociais para cumprir co cociente establecido pola lei dunha cada 8.000 habitantes. Actualmente é unha cada 17.500 habitantes.

Tamén se propón a creación dunha Mesa Técnica pola Inclusión Social que reúna a persoal técnico municipal e das entidades de iniciativa social con funcións de coordinación, consulta e asesoramento.

En canto ás axudas para a Cooperación ao Desenvolvemento, e cada vez máis lonxe do obxectivo do 0,7% do orzamento, solicítase incrementar na próxima lexislatura a achega até o 0,2% (actualmente é de 0,039%, que se concreta en 90.000 euros anuais).

Apostar polo consumo responsable, a economía social, a banca ética ou os dereitos humanos son outras das peticións das ONGs. A nivel ambiental solicítase apoiar o desenvolvemento sustentable na cidade reducindo, polo menos nun 20% o consumo de enerxía ao final da próxima lexislatura, fomentando o uso do transporte público, a utilización de enerxías renovables ou o aumento de espazos peonís en Vigo.

O documento completo foi presentado hai semanas a todas as formacións políticas que comparecen nesta cita electoral e mantivéronse, antes do comezo da campaña electoral, reunións con varios partidos aos que se expoñen persoalmente estas peticións. Amigos da Terra, como entidade integrante da xunta directiva e a comisión de incidencia da CGONGD participou activamente na preparación das propostas e nas reunións cos partidos políticos da cidade.

Estas accións, enmárcanse dentro da campaña de incidencia política que se está a desenvolver en distintas vilas galegas, con motivo das eleccións municipais, e que terá continuidade nas próximas semanas.