Hoxe, 22 de Abril, celébrase en todo o mundo o Día da Terra. Con esta data preténdese homenaxear ao planeta no que vivimos e recordar á poboación a necesidade de protexelo e tamén reivindicar a necesidade da súa conservación. Cada vez máis fanse necesarios os esforzos para a preservación do entorno, tan afectado por problemas como a perda de biodiversidade, o cambio climático, a contaminación ambiental ou a sobreexplotación dos recursos naturais.
A nivel local, Amigos da Terra quixo celebrar este Día da Terra coa posta en marcha dun novo proxecto, ideado e posto en marcha polas voluntarias europeas que están a desenvolver o seu traballo activista dende a sede da nosa organización en Ourense. Estas voluntarias proveñen de Alemaña (Theresa Waldmueller), Portugal (Claudia Ferreira), Hungría (Ezther Jakli) e Francia (Aurelíe Lombard)
Este novo proxecto de sensibilización sobre as consecuencias ambientais dos nosos hábitos de consumo, baixo a denominación “A Ruta do Consumismo”, comezou hoxe a súa andaina coa participación de alumnos e alumnas de bacharelato do IES Ramón Otero Pedraio cun percorrido polas rúas do casco vello. Esta foi a primeira destas pequenas rutas que se desenvolverán nos próximos meses nas que participarán outros centros educativos e colectivos cidadás da nosa cidade.

As persoas participantes na ruta interpretativa de hoxe puideron coñecer, ao longo de diferentes paradas nas proximidades de diferentes establecementos comerciais, os problemas asociados a catro tipos de produtos de consumo moi habitual entre mozos e adolescentes: Alimentos, Roupa, Cosméticos e Equipos electrónicos.
Na parada destinada aos alimentos os alumnos e alumnas coñeceron impactantes datos e puideron reflexionar sobre as relacións entre a produción de determinados alimentos e a deforestación que acontece noutros países a miles de quilómetros de distancia, así como sobre os residuos químicos (pesticidas e aboamentos) que permanecen na nosa comida sen que sexamos conscientes delo.
Respecto aos cosméticos tiveron ocasión de coñecer varios dos ingredientes sintéticos e químicos que absorbemos pola pel e os riscos que representan sobre a saúde, mentres que na parada en relación á roupa se explicou a longa viaxe que debe facer unha peza dende a súa confección ata as tendas onde a mercamos, e fíxose aflorar as terribles condicións do traballo e impactos ambientais que se suceden ao longo deste percorrido.
Para finalizar houbo ocasión de debater sobre a cara oculta do consumo dos equipos electrónicos, falando sobre os impactos que acarrea a súa fabricación e do desexo da súa rápida substitución ao que a publicidade nos empurra. ou tamén sobre a obsolescencia programada e a problemática da recuperación e reciclaxe de residuos electrónicos.
Con esta actividade preténdeuse concienciar ás persoas participantes sobre a necesidade de implicarse, a través da adquisición duns hábitos de consumo máis xustos e responsables, na preservación dos recursos naturais e ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa co medio.