O Consello de Ministros de Medio Europeo acordou onte, 17 de decembro, o borrador da Directiva para reducir o uso das bolsas de plástico dun só uso nos Estados Membros.
A nosa organización aplaude a proposta do Consello para reducir as bolsas plásticas dun só uso e insta ao Goberno Español a aplicar a directiva europea a través dunha taxa ás bolsas de usar e tirar. Dende hai máis dunha década a organización ecoloxista esixe a retirada deste produto, símbolo da incultura de usar e tirar, con graves impactos sobre o medio. No Estado español, coa anterior lexislación de residuos, apostouse pola redución das bolsas, non obstante eliminouse un ano despois mediante Real Decreto Urxente, cando nin sequera entrara en vigor. A pesar das tentativas por parte da Administración, finalmente foi a Unión Europea a que tivo que establecer unha normativa vinculante.

A proposta deixa en mans dos Estados Membros as medidas a poñer en marcha para reducir o uso de bolsas: a primeira opción propón a súa redución das 176 bolsas/persoa e ano actuais a 90 en 2019 e 40 en 2026; mentres a segunda opción introduciría un custo sobre estas. No caso de aplicar un custo, prohibiríase a distribución gratuíta, pero non sería obrigatorio o establecemento deste prezo en forma de taxa, como vén reclamando Amigos da Terra. Esta taxa sería unha vía para eliminar o beneficio comercial dos distribuidores polo prezo das bolsas, así como estratexias enganosas de publicidade, unha situación que podería darse coa implantación dun custo, e á súa vez permitiría que o diñeiro recadado se investise en proxectos ambientais.
A organización insta ao Goberno español a aplicar a normativa europea mediante unha taxa ao uso de bolsas de plástico de usar e tirar, similar á aplicada en Irlanda, onde, grazas a esta medida, se alcanzaron porcentaxes de redución de ata un 90%.

A pesar de celebrar o contido da Directiva, dende Amigos da Terra consideramos que o borrador debería incluír a redución de todas as bolsas de usar e tirar, e lamentamos que deixe fora as bolsas biodegradables, que a pesar de xerar menos impactos que as plásticas cando se converten en residuos, requiren de cantidades significativas de recursos naturais para a súa fabricación. Resulta máis preocupante aínda a dúbida que formula o borrador coas bolsas oxodegradables, que deixa en mans da CE a decisión de consideralas biodegradables ou non. Unha formulación inadmisible xa que estas bolsas se fabrican con plástico non biodegradable ao que se engaden aditivos que fan que o material se descompoña en partículas microscópicas nun curto período, coa contaminación que isto supón.
“A proposta do Consello é un paso a celebrar, non obstante as bolsas de plástico son un elemento máis do total dos residuos, polo que a Comisión deberá seguir apostando por unha correcta xestión da totalidade destes, e un claro signo desta actitude sería a recuperación do Paquete de Medidas por unha Economía Circular“, concluíu Alodia Pérez, responsable da área de recursos naturais da coordinación, a nivel estatal, de Amigos de la Tierra.
“Lembremos que pola man de cada galego pasan unhas 238 bolsas dun só uso ao ano. Isto trae como resultado que en Galicia se xeran, neste período, máis de 600 millóns de bolsas. Cunha vida útil de so 20 minutos, do comercio á casa e ao lixo, simbolizan a incultura do usar e tirar.” di María Durán, a nosa experta en residuos, que ademáis engade “Tendo en conta que as bolsas dun só uso traen consigo un consumo de recursos inxustificado e prexudicial para o medio ambiente, un gasto adicional para o comerciante, e a xeración dun residuo, fanse necesarias políticas que freen este despilfarro por parte das administracións, pero tamén unha reflexión e mudar algún dos nosos hábitos, xa que podemos facilmente substituílas por sistemas reutilizables como bolsas de algodón, rafia, cestas, carriños da compra, mochilas, etc.”