cambio climatico videsO 13 de outubro imos manga curta e o 20 non soltamos o abrigo. Xa non existe nin o outono nin a primaveira. O Cambio Climático é unha realidade que xa temos a pé de rúa, pero …que pasa a pé de terra? As amendoeiras, o tomate e a vide non teñen abrigo no armario, aínda que si sufren cambios externos vinculados á meteoroloxía.

De aquí a 40 anos: seguirá florecendo en febreiro a amendoeira?, os tomates van poder resistir os cambios ambientais?, perderá o noso viño a súa alta calidade?

Dende Amigos da Terra presentamos un informe que mostra os efectos do quentamento nos nosos cultivos, “Impacto do cambio climático na agricultura: Proxeccións locais para a amendoeira, o garavanzo, o tomate e a vide en diferentes bisbarras españolas”, elaborado pola consultora MeteoClim Services.
Os resultados do estudo son alarmantes para a viabilidade dos cultivos que caracterizan a nosa paisaxe, a nosa agricultura e a nosa dieta. Están a cambiar as condicións climáticas: existe un aumento xeneralizado das temperaturas -por un lado, as máximas aumentan e, por outro, existe un maior número de días calorosos ao ano-, á súa vez modifícase o patrón de precipitacións, en concreto, unha redución de chuvias notable en verán e un incremento en inverno e outono, cunha menor incidencia de xeadas e, probablemente, máis episodios de chuvias intensas.

Todos estes cambios afectan negativamente ás producións da amendoeira en Mallorca, do tomate en Eivissa e da vide na Rioja. Dentro de 40 anos a amendoeira terá serias dificultades para florecer na época apropiada e, polo tanto, haberá moita menos améndoa e de peor calidade. O sector económico en torno a este froito, incluíndo a produción de turrón, verase afectado por estes cambios.

En Eivissa, as altas temperaturas farán practicamente inviable o cultivo de tomate; as incontables hortas familiares que salpican a illa xa non poderán contar co prezado rei da horta. A vide da Rioja pode deixar de ser viable nun futuro próximo, xa que as altas temperaturas comprometen directamente a calidade do viño producido. Será cada vez máis difícil producir os caldos de recoñecemento internacional aos que estamos afeitos arruinando os enormes esforzos que o sector vitivinícola fixo nas últimas décadas para fomentar a calidade dos nosos viños. Un dos efectos máis remarcables en todos os casos estudados é a previsible alteración dos calendarios de cultivo.

Nesta situación é necesario tomar medidas canto antes para frear o cambio climático. Os obxectivos europeos de redución de gases de efecto invernadoiro, que deben fixarse nos próximos cumios do clima, han de ser ambiciosos e alcanzar un 40% de redución de emisións para 2020 se non queremos ver prexudicados nosos cultivos e a nosa economía.

O ano 2020 é tamén a data prevista para un novo período da Política Agraria Común (PAC). A PAC ten un gran potencial para reorientar o modelo agrario cara a métodos de produción que contribúan a combater o cambio climático en vez de agravalo.

É importante sinalar que do mesmo modo que a agricultura sofre, como vemos, as consecuencias do Cambio Climático, por outra parte ten un papel fundamental á hora de combatelo. A agricultura industrial predominante está baseada no uso de combustibles fósiles para a fertilización, o transporte de “alimentos quilométricos” ou o envasado. O monocultivo é ademais responsable da deforestación de valiosos ecosistemas do mundo. Por todo iso é urxente que a agricultura avance cara a modelos respectuosos co medio e as nosas paisaxes e garantan unha dieta saudable.

Podes consultar o informe completo pinchando aquí.

Feito coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente:

Este informe forma parte dun proxecto financiado pola Comisión Europea. Os contidos do mesmo son de exclusiva responsabilidade de Amigos de la Tierra e non poden ser considerados como un reflexo das opinións dos financiadores.