O Concello de Camariñas, coa colaboración de Grupo Soil e a asociación Ambientalista Amigos da Terra, aposta decididamente pola compostaxe e amplia o número de familias participantes a 50 mais. Serán así máis de 100 familias compostando os seus residuos orgánicos.
Tras a boa experiencia iniciada hai 4 meses coas 25 primeiras familias de Camariñas, o Concello decide aumentar as participantes a 50 máis. O obxectivo deste proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no Concello, obter un abono de calidade, e concienciar á cidadanía da problemática asociada aos residuos.
Para isto, o Concello repartirá de maneira gratuita, un composteiro a cada familia participante e un manual de compostaxe para coñecer máis do proceso. Os veciños/as, contarán co asesoramento técnico persoalizado a domicilio e por teléfono, por parte dos técnicos da asociación ambientalista que levará a cabo o proxecto, Amigos da Terra.
Os requisitos necesarios para poder participar neste proxecto esta vez foron diferentes, xa que o proxecto estará aberto a todo o termo municipal de Camariñas: Ser veciño/a do concello de Camariñas, habitar unha vivenda cun pequeño terreo, xardin ou horta ao lado e estar disposto a participar do proxecto.
Foron escollidas as 50 familias e este mércores día 1 de outubro, terá lugar a primeira fase do proxecto; a formación inicial. Farase en grupos por parroquias e nesta primeira quenda tócalle o turno aos veciños do nucleo urbán de Camariñas, ás 21h da tarde no Centro Cultural de Camariñas. Alí aprenderán os conceptos básicos para comezar a compostar e seranlles entregados os materiais do proxecto.
As seguintes formacións serán en Ponte do Porto e Camelle a vindeira semana.
Con esta iniciativa o Concello de Camariñas evidencia a súa aposta decidida por unha alternativa económica, ecolóxica e sustentable para a xestión dos residuos neste Municipio.