280709 pescadores nicaragua
No marco dun proxecto de pesca sustentable, Amigos da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras reciben a visita de tres pescadoras artesanais procedentes de Honduras, Nicaragua e El Salvador, rexión onde as dúas organizacións levan anos desenvolvendo proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

As tres mulleres permanecerán durante a semana do 17 ao 24 de setembro en Galicia, realizando unha xira por distintas cidades co obxectivo de coñecer a realidade pesqueira galega e participar na “Xornada de Pesca Sustentable en Galicia e Centroamérica: mar de todas, mar de ninguén” que celebrarán as dúas organizacións o próximo venres 19 en Oleiros.

Entre as citas programadas, o xoves 18 as pescadoras estarán en Vigo, onde realizarán visitas guiadas ao Porto Pesqueiro e á Axencia Europea de Control da Pesca.

Así mesmo, o vindeiro mércores 24 de setembro, as tres mulleres, xunto con representantes das dúas organizacións, reuniranse en Santiago de Compostela co Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, co obxectivo de achegarlle a realidade do sector pesqueiro artesanal, e os impacto dos proxectos de cooperación que as dúas entidades desenvolven en colaboración coa Cooperación Galega.

Ao longo de toda a semana compartiremos as súas impresións e experiencias.