Dende a Plataforma Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, organizase hoxe unha actividade reinvindicativa para demandar os ríos limpos e unha “Praia no Barbaña”.
HOXE DÍA 9 de xullo
HORA 18 horas na Molinera-Pozo do Inferno, 20 horas no Parque Barbaña
ACTIVIDADE que consiste na limpeza do río e inauguración da praia fluvial

Durante esta actividade leerase o seguinte manifesto de denuncia dos vertidos aos ríos da pronvicia de Ourense.
O País dos mil ríos e dez mil vertidos
Galicia é coñecida como o país dos mil ríos. Ríos, regueiros, ribeiras, ecosistemas fluviais…aloumiñan a paisaxe, dan nome a moitos recunchos da nosa terra, producen riqueza, son vitais para a vida…Os ecosistemas fluviais son as veas da Terra, precisan de protección, de coidados e de mellora, evitar o seu estragamento e imprescindible para a saúde de todos e todas nós e para o futuro dos nosos fillos e fillas.
A Directiva Marco da Auga, no ano 2000, consagraba unha nova forma de xestionar a auga na Unión Europea, pasando dunha visión produtivista ao que ten que ser unha xestión de sustentabilidade. Uns anos antes, no Estado español, naceu o concepto de “Nova Cultura da Auga”, avanzando polos mesmos roteiros que a Directiva, mais ampliando o espectro a ámbitos da cultura, os valores, a participación…en definitiva, á maneira na que as persoas nos relacionamos cos ecosistemas fluviais, pasando dun enfoque de dominación da natureza cara unha visión de convivencia co medio.
O cumprimento da Directiva precisa dunha nova maneira de entender a auga, os ríos, a maneira de relacionarnos con eles, e o papel que cumpren no planeta. É preciso apostar por un traballo máis fondo, acudir as raíces, os valores…para elo resulta imprescindible a comunicación e a educación para o cambio profundo da nova xestión dos ecosistemas naturais.
Non debemos esquecer que os ecosistemas acuáticos continentais, é dicir os ríos, lagos, humedais, e as augas de transición e costeiras, son elementos fundamentais do noso territorio. Acollen múltiples servizos esenciais para o ser humano: auga para a vida, para o lecer e para os usos económicos, protección fronte ás inundacións e secas, regulación da formación e fertilidade do solo, articulación de paisaxes e identidades, fonte de inspiración cultural e relixiosa. Os ecosistemas acuáticos e ecosistemas terrestres asociados provén ademais o hábitat esencial para multitude de especies animais e vexetais.
Porén, o uso intensivo que o ser humano fixo destes ecosistemas—canalizando, encorando, alterando a súa forma e o seu funcionamento, extraendo inxentes cantidades de auga, verquendo todo tipo de refugallos, verquendo augas sen depurar—, degradou os ecosistemas pondo en perigo a súa capacidade de seguir prestándonos estes servizos. A lexislación europea en materia de augas e a protección de espazos naturais pretenden facer fronte a este problema. Directivas e a lexislación que as desenvolve no Estado español e en Galicia incúmprense reiteradamente non facendo fronte aos problemas de perda da calidade, da degradación dos ecosistemas acuáticos, contaminación das fontes de subministro…Estas Directivas recoñecen que unicamente conservando en bo estado o funcionamento dos ecosistemas acuáticos conseguiremos garantir que nos sigan proporcionando suficiente auga, en termos de cantidade e calidade, para satisfacer as nosas necesidade a medio e a longo prazo.
Novos retos, que requiren da aplicación de estratexias innovadoras para minimizar os impactos das aguas residuais urbanas nos ecosistemas acuáticos receptores: a mellora na calidade dos efluentes das Estacións Depuradoras, o fomento da xestión e da rexeneración das aguas residuais, ou a eliminación dos impactos nas augas receptoras por descargas nos sistemas de saneamento en caso de treboadas son temas sen resolver na maioría das nosas cidades.
É precisa unha xestión avanzada dos sistemas de saneamento e drenaxe urbano, é imprescindible unha mellora técnica e tecnolóxica mais tamén resulta necesario incorporar novas formas de xestión, aplicar as normativas e facer cumprir a lexislación, fomentar a participación cidadán mediante consellos consultivos e órganos de participación.
Barbaña, Loñoá, Miño, Limia, Arnoia, Arenteiro, Avia, Río dos Muiños, Sil, Támega, Faramontaos…teñen que deixar de ser noticia por vertidos de todo tipo de contaminantes, débese de rematar coa impunidade con que actúan os delincuentes medio ambientais. Todos e todas somos culpables desta situación, aínda que ben é certo que uns máis ca outros, neste senso as administracións públicas teñen demostrada unha total incompetencia e unha flagrante desleixo de funcións.
Os nosos ríos precisan de coidados e de protección, resulta incomprensible que non funcionen as depuradoras que se pagaron con diñeiro público (Pereiro de Aguiar e moitas depuradoras ao longo da provincia), é incomprensible que non se fagan os investimentos prometidos (mellora do saneamento do río Barbaña). Non se pode admitir que as cianobacterias estraguen os nosos ecosistemas fluviais (encoro de Cachamuiña, encoro das Conchas…). Non é de recibo que os cursos fluviais ao longo das obras do AVE sexan afectados por falla de medidas preventivas (vertidos de lodos, arrastres de terras, entubamentos, ocupación de canles, destrución de vexetación de ribeira…).
Entre todos e todas podemos e debemos conseguir que se faga unha xestión sustentable dos ecosistemas fluviais, entre todos e todas podemos e debemos conseguir uns “RÍOS CON VIDA” e uns “RÍOS LIMPOS”.
Ourense, 9 de xullo de 2014