O pasado 24 de abril, deu comezo o programa de implantación da compostaxe doméstica, en vivendas unifamiliares do concello de Camariñas. A implantación do proceso foi altamente exitosa e o Concello decidiu aumentar o numero de familias implicadas nun modelo de xestión alternativo a Sogama.
A preocupación do Concello de Camariñas polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación, foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa que comeza mañá coa fase formativa.
O proxecto iniciouse co proceso de selección de familias, os requisitos para participar incluían o habitar unha vivenda unifamiliar de Xaviña con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda. Finalmente, escolleronse 25 familias participantes que cumprían estes requisitos.
O obxectivo do proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no concello, obter un abono de calidade, e concienciar aos cidadáns acerca da problemática asociada aos residuos. Para iso repartiuse un composteiro de 400 litros a cada familia, un cubo de recollida da materia orgánica para o fogar, un manual para coñecer máis do proceso e de asesoramento técnico a domicilio e por teléfono, por parte dos técnicos de Amigos da Terra.
Unha vez iniciado o proceso nas vivendas, realizaronse as primeiras visitas de seguemento e nos vindeiros meses terán lugar as dúas seguintes. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.