logos_ndp_chus_lagoAmigos da Terra e VERDEGAIA piden á Concelleira de Medio Ambiente de Vigo, Chus Lago, que por dignidade persoal, aproveite o Día Mundial do Medio Ambiente para presentar a súa dimisión. As organizacións ecoloxistas consideran que o balance dos sete anos que leva desenvolvendo esa responsabilidade non xustifican nin un día máis a súa dedicación exclusiva.

O seu empecinamento por manter aberto a toda costa Vigozoo a pesares de contar no seu día cunha oportunidade histórica para pechar, co aval da normativa europea, esa instalación anacrónica será a herdanza que deixe tras o seu paso pola concellería de medio ambiente. Empecinada en que sobreviva o zoolóxico custe o que custe (e sae moi caro) unha boa parte dos seus esforzos consistiron en potencialo a toda costa, incluso usando o mesmo como aula para calqueira curso tivera ou non relación co zoo. Recentemente novos animais silvestres incorporáronse ao espectáculo para vivir toda a súa vida en cautividade no zoo do que tan satisfeita se encontra Chus Lago aínda que sigue sendo incapaz de resolver cos lexítimos propietarios dos terreos do zoo, a comunidade de montes de Teis, a situación de ilegalidade na ocupación dos mesmos.

Polo demáis, e tendo en conta que o voluntariado ambiental xa existía, aínda que esquecido, no Concello, os únicos programas desenvolvidos pola Concellería de medio ambiente foron o Camiño a Camiño (o proxecto estrela, e prácticamente o único de Chus Lago) e recentemente a posta en marcha das hortas urbanas.

Calqueira técnico ou técnica en medio ambiente deseñaría programas como o camiño a camiño ou a rede de hortas urbanas en apenas un par de meses. Despois da súa posta en marcha xá solo compre manter os orzamentos correspondentes para que sigan funcionando. Amigos da Terra e Verdegaia consideran incomprensible que nunha cidade ambientalmente complexa como Vigo e con tantos conflictos abertos entre o modelo de desenvolvemento e a sostibilidade, unha concelleira de medio ambiente con dedicación exclusiva apenas poida ofrecer como balance da súa xestión o mantemento por inercia destes dous programas. Un simple análisis do apartado das novas de medio ambiente publicadas na propia web do Concello nos últimos anos da unha imaxen clara e contundente da escasa actividade da concelleira e de quen leva realmente o peso, tamén, nese departamento.

O balance da súa actividade nas reunións municipais ofrece un resultado semellante. Pois máis alá de levantar a man cando corresponde nas votacións en Amigos da Terra e Verdegaia somos incapaces de recordar cando foi a última intervención de Chus Lago nalgún pleno do Concello. Pero fundamentalmente criticable nos parece a desaparición de Chus Lago nos grandes problemas ambientais da cidade. Posiblemente unha persoa que, pouco antes de chegar ao Concello, manifestaba o seu amor polas árbores (“calqueira árbore deberia considerarse sagrada”, decía Chus Lago) ou ben deixou de sacralizar ás árbores cando o Concello empezou a sacar sistemáticamente a motoserra ou ben aprendeu a gardar silencio, sendo en xeral o silencio a sinal de identidade da súa Concellería. En caso de conflicto ambiental nin está nin se agarda a súa presencia. Sin ir máis lonxe no mesmo parque da Bouza, no que onte se facía a foto ambiental co alcalde se talaban árbores uns días atrás e como debería saber a concelleira non solo os coches sinon os roubos de parruliños por algúns veciños para telos de mascotas e o ataque de cans que donos desaprensivos deixan soltos pola zona en época de cría ameazan a eses parrulos.

Pero tampouco nos grandes anuncios a concelleira de medio ambiente tivo presencia algunha, por exemplo nin nos repetidos anuncios do proceso de construcción da cuestionable nova depuradora, nin na proposta da declaración de Cíes como Patrimonio da Humanidade. Sexan boas, malas ou regulares as novas que acontezan sobre o medio ambiente na cidade a ausencia de Chus Lago se mantén como unha constante.

As relacións de Chus Lago, (que ante algunha crítica chegou a acusar a os ecoloxistas de ser “o brazo armado do PP”) cos axentes sociais se caracterizaron por ser ou malas ou inexistentes. Seguindo a que parece ser norma da casa nunca recibiu a colectivos que foran mínimamente críticos con a súa xestión. Nos mesmos anos en que os grupos ecoloxistas mantiñamos reunións frecuentes con comisarios europeos, ministros e ministras de medio ambiente, conselleiros varios da Xunta de todo signo político, os ecoloxistas fumos incapaces de conseguir ser recibidos pola concelleira de medio ambiente de Vigo, seguramente moi ocupada. Sonados foron tamén os seus enfrentamentos con Proxecto Gato e a súa actitude prepotente denunciada públicamente por ex monitores do programa camiño a camiño.

Amigos da Terra e Verdegaia, xustamente a un ano de que remate a súa responsabilidade, e tras sete anos desenvolvendo a mesma, solicitan a Chus Lago que, simplemente por dignidade persoal, recoñeza que ante o balance da súa xestión difícilmente se pode xustificar a súa dedicación exclusiva e, unha vez feito o anuncio da temporada de primaveira verán do camiño a camiño, presente a súa dimisión. O programa de hortas escolares prácticamente funciona solo. O Camiño a Camiño pode ser desenvolvido, e de feito pouco a pouco empeza a selo, pola concellería de deportes. E o resto de responsabilidades e anuncios do seu departamento xa hai tempo que, como sucede en xeral, son asumidas persoalmente polo alcalde, limitándose Chus Lago a ser imaxen de fondo cando fala o alcalde, pero unha imaxen que costa moito diñeiro. Cos máis de 50.000 euros que retornarían as arcas do Concello se podería iniciar un programa de compostaxe descentralizada, iniciando unha vía alternativa a SOGAMA, ou recuperar o proxecto de hortas escolares eliminado polo Concello, ou comenzar a auténtica rexeneración do litoral, ou simplemente desenvolver algún proxecto de, auténtica, educación ambiental.