
O próximo xoves 17 de abril celebrarase o Día Internacional da Loita Campesiña. No marco desta celebración, Amigos da Terra achega un interesante artigo da Revista Soberanía Alimentaria, sobre este movemento internacional que aglutina a máis de 200 millóns de persoas en todo o mundo e que propón outro modelo alimentario, que dé resposta ás necesidades alimentarias de toda a poboación mundial e que elimine o control que as grandes corporacións teñen sobre os recursos.
“A soberanía alimentaria non só entende que a alimentación é un dereito,algo obvio, senon que vai un paso máis aló defendendo o dereito ao seu control, a que cada pobo decida sobre a súa alimentación”. Defende “unha agricultura ligada á terra e aos territorios, respectando as súas necesidades e os seus ritmos. Entendendo a Natureza como algo do que, como seres vivos, somos parte, e non como un recurso a explotar”.
O camiño da soberanía alimentaria pasa necesariamente por unha agricultura sustentable, respectuosa co medio e onde os recursos naturais sexan accesibles e xestionados de xeito participativo e responsable polas comunidades e as produtoras que traballan as terras. Unha agricultura que protexa a biodiversidade, que garanta prezos xustos e poña en valor o traballo de quenes cultivan os nosos alimentos. En definitiva, unha agricultura sustentable que preserve os recursos naturais e o mundo rural.