Foto_subir_noticiaOs residuos urbanos constitúen na actualidade un dos principais problemas ambientais derivado do tipo de vida da sociedade moderna. O consumismo descontrolado, o carácter cada vez mais efémero dos produtos, o aumento da comercialización de comida envasada… todo isto tradúcese na xeración dunha gran cantidade de residuos, que requiren dunha xestión apropiada. Cada un de nós produce ao ano, 502 kg de lixo, dos cales vertemos ou incineramos nada menos que o 67%.

 

España sitúase á cola da reciclaxe en Europa, xa que apenas recupera o 30% dos residuos totais xerados. Este dato fai pensar que é imposible que se poida cumprir o obxectivo establecido pola UE, de reciclar o 50% dos residuos domésticos e similares para o ano 2020.

 

A solución deste problema pasa por reducir, reciclar, e reutilizar o lixo, para o cal temos que comprender que os residuos, sobre todo os orgánicos, poden converterse nun recurso moi importante despois de transformalos en abono a través dun proceso de compostaxe. Sen embargo, este valioso recurso estase a perder hoxe en día mediante a incineración e o enterramento dos residuos nos vertedoiros.

 

Por outra banda, o reciclado pode axudar a reducir os gases de efecto invernadoiro e a aforrar recursos valiosos, grazas ao uso de materiais reciclados en vez de materias primas. O cambio do tratamento dos residuos urbanos entre os anos 2001 e 2010 permitiu reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes dos residuos urbanos nun 56%.

 

Pero este dato positivo non abonda, xa que anualmente seguimos queimando e enterrando en España máis de 15 millóns de toneladas de residuos. Dende Amigos da Terra, queremos unirnos á celebración da semana europea de redución de residuos, para o cal realizaremos una serie de actividades dende o 16 ao 24 de novembro, centradas en tres eixos.

 

O eixo educativo: Enviamos a todos os centros de ensino da provincia de Ourense un paquete de actividades de sensibilización sobre a redución de residuos, coas que poderán traballar na aula durante a semana.

 

Ademais o mércores estaremos no centro de ensino de Seixalvo e o xoves no centro de ensino de A Valenzá falando da redución de residuos e propondo a compostaxe como alternativa ao actual modelo de xestión. Ademais implantaremos composteiros comunitarios nas escolas.

 

O eixo político: Dende Amigos da Terra remitimos a todos os concellos da provincia una moción a favor dunha xestión ecolóxica e sustentable do lixo, baseada na redución dos residuos, pero tamén na implantación da compostaxe como un método de xestión eficaz para reducir a cantidade de lixo que se envía a SOGAMA e, polo tanto, como un método de aforro municipal.

 

O eixo reivindicativo: O vindeiro venres pola tarde estaremos na rúa do paseo de Ourense (Diante do banco de España), cun punto informativo onde teremos á disposición da cidadanía información sobre esta problemática e sobre a viabilidade de compostar o teu propio lixo, para convertelo en abono de excelente calidade. Ademais realizaremos un obradoiro de reciclaxe para nenos, no que aprenderemos a transformar os nosos residuos en xoguetes mediante manualidades. Pásate e participa con nós!

 

O venres tamén publicaremos en primicia un vídeo sobre a redución da pegada de carbono cambiando o modelo de xestión actual por un baseado na compostaxe.

 

Únete á Semana Europea da Redución de Residuos con Amigos da Terra!