aula_peqO Centro de Educación ambiental “As Corcerizas” acaba de recibir o premio Hostelling International para a redución das emisións de gases contaminantes, e co cal destinaránse os 30.000 euros a dotarse dunha pequena turbina eólica, a construír un muro radiante de calor con barro cru, e a activar un programa didáctico para escolares. Analia Moares destaca que o seu exemplo sérvelle aos visitantes, moitos deles xóvenes, para percatarse de que as enerxías renovables teñen moitas aplicacións, tamén domésticas, e de que son viables.

As Corcerizas acaba de facerse co premio Hostelling International para proxectos dirixidos a mellorar o patrimonio natural mediante a redución das emisións de carbono. Analía Moares, responsable do centro, explica que supón recibir este galardón.

– É un recoñecemento ao labor que leva desenvolvido desde hai máis de dez anos pola asociación ‘Amigos da Terra’. A aposta de ser capaces de conseguir a sustentabilidade enerxética inicialmente parecía utópica. O que se comprobou ao longo do tempo é que é viable e factible.

– Aínda que non era unha competición en sentido deportivo, os rivais eran duros?

– Todas as propostas que chegaron eran froito dunha preselección nos distintos países. Todas optaban á redución de emisións de CO2. Como a votación era a través do correo electrónico, viamos un limitante en países con moitísima poboación como China, Estados Unidos, Brasil… En cambio, viuse a forza da rede que ten ‘Amigos da Terra’ a nivel internacional. Nós formamos parte dunha federación con sedes en toda Europa, América Latina, África… Moitas destas asociacións xa viñeran facer encontros internacionais e seminarios ás Corcerizas. Coñecían de primeira man o proxecto e foi o momento de darlle un bo respaldo.

As_corcerizas_01-585x389

– O premio son arredor de 30.000 euros. Que medidas se van aplicar? É suficiente para seguir desenvolvendo o proxecto?

– É un apoio. O proxecto necesita moito máis que 30.000 euros. Necesita a enerxía da xente, o recoñecemento da educación ambiental como un valor por parte da administración. A nivel económico tamén hai necesidade dun respaldo, sobre todo para cuestións de mantemento e un equipo persoal profesional.

O premio vai resolver algunhas eivas que temos actualmente. En primeiro lugar,instalaremos un pequeno aeroxerador, unha turbina eólica. Complementar á o aporte de enerxía, sobre todo no inverno porque temos menos horas de sol e ter máis necesidade de calefacción. O muíño vai estar asociado a un sistema de monitorización para o control remoto. Deste xeito, imos ter coñecemento de distintos parámetros como a velocidade do vento, a intensidade… Imos poder ser máis eficientes na súa produción e servirá como un recurso divulgativo. Imos poder ver a través dunha web todos estes parámetros. Vaise demostrar a viabilidade da minieólica en Galicia.

Un segundo punto será a construcción dun muro radiante con barro cru. É como construír un radiador xigante. Polo interior leva un sistema de tubos por onde circula a auga quente. Toda a parede quéntase porque o barro ten alta inercia térmica e vai proxectando o calor pouco a pouco. É moito máis eficiente que un sistema de que cemento con aire. Nun dos cursos de barro, refixemos unha parede radiante que xa existía e en vista do ben que resultou, decidimos facer este muro no comedor, onde temos un sistema menos eficiente. A auga quéntase con placas solares e co apoio dunha caldeira de biomasa.

– E o terceiro punto doproxecto é un programa de eduación ambiental para escolares, non si?

– Si. Intentamos dar unha visión global do que supón o cambio climático e de cómo están repercutindo as nosas accións. E é moi importante amosar as alternativas viables e factibles que poden ver de xeito práctico nas instalacións. O obxectivo é capacitar as persoas para que non se vexan como xeradores do problema, senón sentirse capaces de resolvelo.

curso_de_barro_2011

– Con esas solucións, podemos chegar a desenchufar as nosas casas?

– Nós sempre dicimos que non se trata de trasladar As Corcerizas a cada fogar. As  Corcerizas é moi singular e está feito desde a súa creación cuns criterios moi claros.  O importante é quedarse cos criterios. Nós non queremos dicir o que está ben e o que está mal, ou como planificar unha cousa. Nós explicamos aspectos como que ter orientada a casa é un aforro de enerxía, tratar a madeira con aceites en vez de con vernices plásticos é unha mellora, ou que traballar co barro cru pode ser unha alternativa…

Trátase de trasladar solucións reais, prácticas, viables… e que cada persoa na medida do posible recolla o que poida aplicar.  Pero trátase sobre todo de crelo. Moitas veces fartámonos de dicir que as enerxías renovables son posibles, pero a realidade que vemos na nosa contorna vai á contra. Faltan exemplos reais que lle fagan ver á xente que as alternativas son posibles. E esta é unha das funcións que ten As Corcerizas.

130801_campo_traballo

– Nese sentido, a xuventude é o sector da poboación que mellor asume a necesidade de potenciar as enerxías renovables, ou prefire a comodidade e o derroche das enerxías máis habituais que implica o consumismo?

– Non sei se podería facer unha valoración dese calibre, pero creo que hai un pouco de todo. A xente maior viviu outros tempos que non vivimos nós, e ás veces parece que non pero ao falar con eles fante conscientes do despilfarro nas máis variadas cuestións. A xente que pasa polo albergue, polas características do propio proxecto, adoita ser bastante sensibilizada. Hai quen ao mellor xa vén preguntando en concreto por unha técnica de bioconstrución, ou que quere ver como funcionan as caldeiras porque está pensando en poñer unha caldeira de biomasa e non o ten moi claro. E outra xente vén sen ter idea de nada e queda sorprendidísima ao ver que as renovables funcionan. É como unha dúbida no noso interior porque temos tan poucos exemplos palpables que manteñen a dúbida permantente de que eso sexa posible. Entón creo que hai un pouco de todo.

Existe unha polaridade entre quen cada vez lle importa menos todo e moita outra xente que está empezando a valorar outra forma de vida. Nos últimos anos vemos sobre todo moito interese  no tema da bioconstrución.  Hai xente nova que ao mellor está querendo saír do entorno das cidades e busca alternativas económicamente viables con materiais máis baratos, con solucións que lle vaian supoñer o menor consumo de enerxía, que sempre son gastos… Eso é o que máis tirón lle vexo, a bioconstrución.

– Cal dos polos se está impoñendo na xuventude?

– Tería que ter un coñecemento moito máis amplo do pensar xeral. Nós recibimos moita máis xente sensibilizada e o reto está nesa outra xente que chega porque vén só ao albergue, a un curso ou a unha xornada de voluntariado. A miúdo aí atópanse con esto que non coñecían e xurde o interese. Eu quero pensar que a crise social e económica de valores na que estamos inmersos está xerando un cambio e está propoñendo sobre todo unha reflexión. O máis importante é reflexionar é ser conscientes. Logo cada un buscará a súa alternativa na súa medida, pero que sexa unha decisión.

voluntariado_AsCorcerizas_1

– Que posibilidades de uso ten As Corcerizas?

– Neste momento estamos nun proceso de cambio, pero o albergue está aberto todo o ano. É cuestión de chamar ou escribir un correo electrónico para confirmar que hai prazas disponibles. Mesmo se pode pasar unha tempada. Ofrecemos a miúdo actividades complementarias como unha ruta polo Macizo Central Ourensán, que é un lugar de interese comunitario pouco coñecido e que intentamos sempre poñer en valor. Facemos actividades etnográficas, cursos de setas, xornadas de voluntariado para a mellora ambiental… E despois hai actividades formativas ás que a xente se pode sumar libremente, facemos intercambios xuvenís internacionais, campos de traballo coa dirección xeral de Xuventude que desenvolvemos sobre todo nestes últimos anos… A oferta é moi ampla, por eso é mellor informarse na nosa web. A través dela a xente pode sumarse a unha lista específica de difusión, para estar ao día de todas as actividades que facemos ao longo do ano.

Entrevista publicada no boletín Xuventude.Novas