verduras_sementesAmigos da Terra vén denunciando os impactos sociais, ambientais, culturais e económicos do actual sistema agroalimentario. Hoxe, Día Mundial da Alimentación cómpre recordar que na actualidade case 1.000 millóns de persoas pasan fame, mentres que 1.300 millóns de toneladas de alimentos son tiradas ao lixo cada ano.

Acaparamentos de terras, desperdicio de alimentos, especulación alimentaria, privatización e empobrecemento dos solos, son só algunhas das consecuencias do modelo agrícola e alimentario imperante, artellado en prol do beneficio económico de grandes corporacións. As políticas e mandatos de organizacións internacionais como a UE, o Banco Mundial ou a Organización Mundial do Comercio favorecen este modelo de produción e comercialización global, altamente custoso para o medio ambiente e as persoas, en lugar de favorecer a transición cara un modelo sostible baseado na produción e comercialización local de alimentos sanos, libres de tóxicos, respectuosos coa contorna e que permitan preservar a biodiversidade e a riqueza dos solos.

Como alternativa para mudar o actual sistema alimentario, Amigos da Terra pon en marcha un novo proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, no que se defende un modelo de agricultura e consumo ecolóxico e sustentable, e grazas ao cal se levará a cabo unha labor de difusión, sensibilización e capacitación no eido do consumo sustentable e a soberanía alimentaria.

No marco deste proxecto, Amigos da Terra quere dar a coñecer o “Movemento Europeo pola Soberanía Alimentaria e outra Política Agrícola Común” (FoodSovCap), no que se atopa integrado Friends of the Earth Europe. Creado en 2009, reúne a organizacións da sociedade civil, plataformas e redes locais, nacionais e europeas, de sectores como o medio ambiente, a agricultura, ou o desenvolvemento. Xuntas traballan para poñer a soberanía alimentaria no centro das políticas agrarias europeas (principalmente no tocante á Política Agrícola Común) e promover alternativas de produción sustentables, democráticas e participativas.

A continuación, achegamos un vídeo explicativo sobre as implicacións das actuais políticas e o camiño cara o cambio de modelo.