aula_peq16 Grupos de Amigos da Terra Europa danse encontro nas Corcerizas.

A segunda xuntanza de formación sobre mobilización social e activismo de Amigos da Terra Europa comeza hoxe, 16 de setembro, no centro de Educación Ambiental As Corcerizas (Serra de San Mamede, Ourense) e desenvolverase ata o sábado 21.

Dende hai dous anos, os grupos nacionais pertencentes á rede Amigos da Terra Europa [1] reúnense en torno á xuntanza anual de formación GET MOVING. Porén, este ano celebra a súa segunda edición baixo o título “Get Moving Too!: Mobilización en tempos de crise”. A cita ten como obxectivo central o fortalecer á rede de grupos nacionais, a través do intercambio de ideas e coñecementos sobre a mobilización social e a participación cidadá.

No contexto de crise social e ambiental no que nos atopamos inmersos, o fortalecemento do traballo en rede dos movementos sociais é clave para construíren alternativas que promovan a xustiza ambiental o e interese xeral.

Nestes días, as iniciativas sociais respectuosas co noso contorno están a coller máis forza que nunca. As cooperativas de intercambio de produtos e servizos, de produción e consumo de alimentos, asé coma as plataformas cidadás por un novo modelo enerxético, por outro modelo de xestión dos recursos naturais e os residuos, entre outros proxectos, están a xerar un movemento alternativo progresivamente máis sólido e numeroso, baseado na solidariedade, a xustiza social e ambiental.

“A situación actual fai preciso que as organizacións sociais tradicionais reflexionen sobre o seu rol na sociedade. Precisamente este será un dos puntos principais a tratar entre os grupos de Amigos da Terra Europa ó longo da xuntanza: este ano centrarémonos en analizar a realidade de cada un dos grupos, e en procurar solucións conxuntas, tomando como base a cooperación entre movementos sociais e a creación de redes de intercambio de experiencias e coñecementos”, sinalou David Heller, coordinador da área de desenvolvemento da rede de grupos estatais de Amigos da Terra Europa.

Tralo éxito da primeira xuntanza de formación, que tivo lugar en Bélxica, e na que participaron representantes de 16 grupos de toda a Europa, a experiencia repítese este ano en España, concretamente en As Corcerizas, o Centro de Educación Ambiental de Amigos da Terra Galicia, situado na Serra de San Mamede (Ourense). O centro é unha mostra clara da filosofía de toda a agrupación de Amigos da Terra Europa; un espazo participado, participativo e autoxestionado, e un vivo exemplo da construción de alternativas cidadás para a xente, e pola xente.

Notas:

[1] Amigos da Terra Europa é a organización ecoloxista máis grande de toda a Europa. Conta con 31 grupos membros e numerosos grupos afíns, entre os que atopamos as redes ecoloxistas máis activas e fortes de toda Europa. Amigos da Terra Europa pertence tamén a Amigos da Terra Internacional, a rede de grupos ecoloxistas máis extensa a nivel mundial.