No día de hoxe, representantes da práctica totalidade do movemento ecoloxista galego fixemos entrega no rexistro da cámara de dúas iniciativas, unha Proposición Non de Lei e unha Proposición de Lei, que visan a prohibición do uso do cianuro en minería, así como a obriga de que as empresas mineiras conten coas garantías suficientes para facer fronte á totalidade dos danos e ás indemnizacións derivadas dun eventual accidente.
Pretendemos que os grupos políticos con representación no Pazo do Hórreo trasladen ao ordeamento xurídico galego o contido da resolución aprobada polo Parlamento Europeo en 2010. Dita resolución pedía á Comisión que fixera efectiva a prohibición en todo o territrorio europeo das tecnoloxías mineiras baseadas no cianuro.
En Europa, países como Alemaña, a República Checa ou Hungría xa incorporaron ás súas respeitivas lexislacións esta prohibición. No estado, a predemocrática pero aínda vixente Lei 22/1973 de minas está fortemente orientada cara o produtivismo, esquecendo as consideracións de saúde pública e os impactos no ambiente.
En Galiza, a Lei 3/2008 da minería deixa unha ampla marxe de manobra para incorporar as recomendacións que o Parlamento Europeo fixo en 2010 encol deste tipo de técnicas con alto potencial contaminante.
Os tres grupos da oposición xa manifestaron a súa intención de dar traslado a estas iniciativas para o seu debate na cámara. Agardamos tamén que o grupo maioritario do PP sexa sensíble a esta problemática e permita desterrar para sempre o risco que para os cidadanas e o ambiente supón o uso de milleiros de toneladas deste veleno en minería.
Asinan: ADEGA, Amigos da Terra, FEG, Salva la Selva, SGHN e Verdegaia.