campo_traballo_bioconstrucion_copy

O Centro de Educación Ambiental “As Corcerizas”, xestionado por Amigos da Terra, acolle dende hoxe e ata o vindeiro 12 de agosto, un campo de traballo internacional, baseado no coñecemento de novas técnicas de bioconstrución e xestión forestal, o intercambio de experiencias entre os/as participantes e a súa aplicación práctica a través da realización de traballos colectivos en “As Corcerizas”.

Unha vintena de persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía española e de Francia, Turquia, Rusia, Uruguai e Italia, daranse cita neste centro, pioneiro na utilización de técnicas bioconstrutivas e na aplicación da arquitectura bioclimática. Un exemplo real de que é posible construír espazos máis confortables para nós e máis respectuosos co planeta.

Este campo de traballo forma parte do programa “Acción de Verán”, campaña que convoca a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e colabora a Concellería de Turismo do Concello de Ourense.

Durante estes doce días, os/as participantes recibirán formación e realizarán traballos de bioconstrución, forestais e de vixilancia ambiental para a prevención de incedios, contando con colaboradores como Guido Tomasini para o emprego do barro e Xosé Santos para a aseromento forestal.

Asemesmo presentarase o informe de reducción da pegada de Carbono “Cultiva a túa propia enerxía”, realizado por Amigos da Terra coa colaboración da Fundación Biodiversidad.

O programa compleméntase con outros temas relacionados coa conservación do patrimonio, etnografía, xestión sustentable do monte, roteiros, obradoiros.