As administracións públicas, como actores clave da cooperación, teñen a obriga de fomentar e garantir a sustentabilidade ambiental, ao igual que a equidade de xénero, os dereitos humanos e outros enfoques transversais, nas actuacións de cooperación ao desenvolvemento que executan e financian.
Para facilitar e mellorar esta labor, Amigos da Terra elaborou esta publicación, titulada “A transversalización do medio ambiente na cooperación. Ferramentas e instrumentos para axentes financiadores”. Trátase dun pequeno manual orientado prioritariamente ás administracións públicas que ten como obxectivo dar a coñecer ferramentas e instrumentos para a integración da compoñente ambiental en convocatorias, convenios, proxectos e outros eidos de traballo das mesmas.
O manual distribuíuse a administracións locais e autonómicas (Concellos, Deputacións e Xunta de Galicia), e baséase nas recomendacións e directrices da Comisión Europea para a efectiva transversalización do medio ambiente na cooperación. Achega un listado de preguntas para verificar a incorporación do enfoque nas fases previas de planificación e programación, así como fichas de aspectos clave por sectores, para identificar vínculos específicos entre cada sector de actuación (auga, gobernabilidade, educación, xénero, etc) e o medioambiente. Deste xeito, as entidades teñen á súa disposición plantillas e modelos que permiten medir o impacto das actuacións no medio ambiente, considerar todos os factores que interveñen nos obxectivos e nas actividades, ou establecer medidas para correxir os efectos negativos sobre o entorno ou aproveitar axeitadamente as oportunidades do mesmo.