Mobilizacions_barillas18062012No marco dunha intensa xira de denuncia
que as está a levar por distintos países europeos, as lideresas guatemaltecas Natalia Atz Sunuc (coordinadora de CEIBA, Asociación para la Promoción y el Desarrollo de la Comunidad) e Paula Irene del Cid Vargas (Asociación Feminista La Cuerda) permanecerán en Galicia dende o vindeiro martes 30 ata o venres 3 de maio, onde manterán reunións con colectivos, organizacións sociais e partidos políticos.

O seu obxectivo é dar a coñecer os abusos e violacións dos dereitos humanos que están tendo lugar en Guatemala por mor dunha presa hidroeléctrica que a empresa Hidro Santa Cruz (tamén coñecida como Hidralia Energía ou Ecoener), propiedade do empresario coruñés Luis Castro Valdivia, quere construír nunha área de histórico valor sagrado e cultural pertencente a comunidades indíxenas guatemaltecas.

Dito proxecto conta coa clara oposición das comunidades afectadas, quenes logo dun minucioso proceso de consultas comunitarias iniciadas no ano 2007, no que participaron case cincuenta mil persoas, ditaminaron a súa total negativa á construción da presa a través do documento “Actas de las comunidades 2012”, trasladado tanto á empresa, como a representantes políticos e opinión pública.

O dono de Hidralia Energía, Luis Castro Valdivia, ben coñecido pola prensa latinoamericana, saltou aos medios de comunicación galegos cando no ano 2007 tanto el coma o seu cuñado, o ex director xeral de Industria da Xunta (1999-2005), o popular Ramón Ordás Badía, foron imputados pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por un delito de tráfico de influencias relacionado ca concesión de parques eólicos e minicentrais hidroeléctricas, negocio no que Castro Valdivia, en alianza coa familia do ex-alcalde Francisco Vázquez e o ex-presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, conta cunha espectacular presencia.

A visita destas dúas lideresas ten lugar nunha data especialmente significativa, xa que coincide co aniversario do Estado de Sitio decretado en Santa Cruz Barillas en maio do ano pasado, logo de que o día 1 dese mes persoas vinculadas a Hidro Santa Cruz (un dos detidos foi o seu Xefe de Seguridade) atacaran a tres líderes comunitarios que se opoñían ao proxecto, asasinando a un deles e deixando gravemente feridos aos outros dous.

Mobilizacions_barillas-2-18062012_copy

A controvertida decisión do presidente guatemalteco Otto Pérez de afrontar a conflitividade derivada deste asasinato a través da suspensión de dereitos e liberdades que supón o Estado de Sitio, protexendo e favorecendo o abuso da transnacional galega; vén motivada en grande parte pola situación estratéxica na que se atopa Hidralia Energía ao pertencer á Cámara Oficial Española de Comercio de Guatemala, entidade financiada polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo de España. Ademais, o presidente Otto Pérez, aliado fundamental de Castro Valdivia nos seus negocios en Guatemala, conta cunha denuncia realizada no ano 2011 ante o Relator Especial da ONU Contra a Tortura e foi tamén acusado de ser un dos instigadores do asasinato en 1997 de Juan Gerardi, bispo e coordinador da Oficina de Derechos Humanos del Arzobispado de Guatemala.

A violencia despregada en Santa Cruz Barillas por Luís Castro Valdivia en connivencia co goberno guatemalteco, inda a día de hoxe mantén a rexión nunha situación de tensión constante, intensificada pola militarización e paramilitarización da zona. A poboación vive o seu día a día facendo fronte ás agresións continuadas da empresa, rexistrándose non só os mencionados atentados contra líderes e lideresas, senón tamén numerosos casos de violacións sexuais a mulleres e innumerables casos de intimidación, ataques e ameazas.

Neste momento, no que tamén grande parte da poboación galega estase a mobilizar na contra da destrución do noso territorio por parte de empresas transnacionais que, tamén aquí ca colaboración dos gobernos, pretenden aproveitar o estancamento económico para expoliar os nosos recursos naturais (véxase por exemplo a transnacional canadiense Edgewater en Corcoesto), Natalia Atz e Paula Irene del Cid aproveitarán esta viaxe á Galiza non só para denunciar a vulneración dos dereitos humanos que está a ter lugar en Barillas, senón tamén para dar a coñecer e intercambiar estratexias de loita e, deste xeito, tanto dende Galicia como dende Guatemala, facer fronte á ameaza globalizada da explotación de recursos naturais e enerxéticos por parte de empresas privadas transnacionais que pulan polo modelo neoliberalista de enriquecemento a través da capitalización total da Natureza, da Vida.

Ao longo da súa xira, están previstas actividades en A Coruña (martes 30 de abril), Santiago de Compostela (xoves 2 de maio) e Vigo (venres 3 de maio), das que vos iremos informando. A continuación, achegamos a axenda de actividades previstas na cidade de A Coruña para mañá, día 30 de abril:

12:00 (na Praza da Palloza): Acto de denuncia da vulneración de dereitos humanos que está a practicar Hidralia Energía en Guatemala, baixo o lema Hidralia, cantas mulleres precisan violar para producir luz?

12:45 (Avda del Ejército, nº10): Concentración e rolda de prensa na sede administrativa de Hidralia Energía.

19:30 Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, s/n): coloquio “Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Guatemala e Galiza”, con Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas (Guatemala) e afectadas pola mina de ouro que a transnacional canadiense Edgewater quere explotar en Corcoesto.

Convocan: Amigos da Terra, A Coruña en Loita, Comité de Solidariedade con América Latina (COSAL), Coordinación por los Derechos de los Pueblos Indígenas (CODPI) e Feminismos Corunha.