millo_oxm_galicia_copy_copyA teletenda dos transxénicos desmente os falsos argumentos da industria transxénica e os seus aliados.

A asociación Amigos de la Tierra presenta a súa campaña online Únicos en Europa.org, onde a través dunha microsite desmitifica os argumentos da industria da biotecnoloxía e do Goberno a favor dos transxénicos. A campaña busca informar a cidadanía e demostrar o rexeitamento social aos transxénicos solicitando a prohibición destes.

Nun momento clave no que a Comisión Europea está a formular a introdución de novos cultivos transxénicos, Amigos de la Tierra presenta a súa campaña Únicos en Europa na que informa á sociedade sobre os graves impactos sociais, ambientais e sobre a saúde que levan consigo. Á súa vez insta o Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio, Miguel Arias Cañete, a prohibir os cultivos transxénicos en España.

España é o único país na Unión Europea que cultiva transxénicos a grande escala. A falta de transparencia e control, a pesar das esixencias legais que o Goberno debería cumprir, é unha das causas polas que a industria transxénica pode campar ás súas anchas en territorio español. “España é o país que ten máis posibilidades de acoller novos cultivos transxénicos se a Comisión Europea decidise autorizalos. Polo tanto, o noso medio, a nosa saúde e os nosos campos serían os máis prexudicados, sinala Liliane Spendeler, directora da asociación.

A necesidade de informar tanto consumidores como agricultores levou a Amigos de la Tierra a crear esta microsite onde responder ás grandes preguntas sobre os cultivos e a alimentación transxénica. Sete apartados resolven as dúbidas da cidadanía a través dun grupo de preguntas e respostas sobre os transxénicos: en xeral, en España, na saúde, na economía, na agricultura, no medio e na sociedade.

O motivo de escoller o formato dunha teletenda para a campaña de Únicos en Europa non é outro que representar a forma que utilizan as multinacionais biotecnolóxicas e as administracións para xustificar a introdución dos organismos modificados xeneticamente (OMX) nos nosos campos e nos nosos pratos. Os argumentos de que son cultivos máis sostibles que os propios cultivos ecolóxicos ou que son os cultivos máis avaliados da historia son algúns dos mitos que promoven os mercados transxénicos. Non obstante, a incerteza que representan estes cultivos sobre a nosa saúde e o medio é a principal razón de que países como Alemaña, Austria, Hungría, Grecia, Luxemburgo, Bulgaria e recentemente Polonia decidisen prohibilos para impedir o cultivo nos seus territorios.

Un dos conflitos máis graves, non só en España, senón no resto do mundo, é o oligopolio que están a exercer as grandes multinacionais do sector na alimentación. Agricultores e agricultoras de todo o planeta están vendo desaparecer as súas posibilidades de subsistencia debido ao control de sementes que están a exercer estas empresas. Mentres, seguen prometendo que grazas a estes cultivos se alimentará a toda a poboación, cando en realidade están a esgotar a capacidade do mundo rural para xerar os seus propios alimentos sen depender dos mercados internacionais.

“O problema da fame non se debe á falta de alimentos, senón á falta de vontade política e empresarial para repartir de forma equitativa e xusta os recursos naturais”, sinalou Liliane Spendeler, directora de Amigos de la Tierra.

Con esta campaña, a ONG busca esixir ao Ministro de medio, Miguel Arias Cañete, un dos protagonistas da ciberacción, a prohibición dos transxénicos a través do apoio da cidadanía a unhas políticas ambientais e agrícolas libres de transxénicos, onde o respecto polo medio e as persoas pasen a primeiro plano. Outros países europeos xa se acolleron ao principio de precaución para impedir o seu cultivo no seu territorio. Amigos de la Tierra anima a todas as persoas a entrar na microsite, informarse e asinar para lograr a prohibición dos transxénicos en España.