Un novo estudo de Amigos de la Tierra sinala que Europa está a xestionar recursos naturais de forma insostible. O informe pon de relevo que o vello continente desbota materiais valiosos en incineradoras e vertedoiros.
Na actualidade a UE verte e incinera o 60% dos residuos municipais (preto do 70% no caso español). Recursos cun alto valor, susceptibles de ser reutilizados ou reciclados, están a ser desaproveitados ao tirarse ao lixo, o que á súa vez contribúe ao incremento na demanda de materias primas.
No caso da roupa, os europeos desbotan 5,8 millóns de toneladas cada ano, das cales o 75% remata en vertedoiros ou incineradoras e só recíclase o 25%. En España non hai datos concretos, pero as estimacións sitúannos moi lonxe desa porcentaxe.
O estudo conclúe que para mover a Europa cara ao Residuo Cero, son necesarios obxectivos moito máis ambiciosos de reciclaxe, así como o establecemento de obxectivos de reutilización e redución de residuos.
Ariadna Rodrigo, responsable da área de recursos naturais de Amigos de la Tierra Europa afirma que “Europa permanece ancorada nun sistema no que materiais de gran valor, moitos deles cun alto custo ambiental e social, rematan en vertedoiros e incineradoras, pasando a ser materiais de usar e tirar. Os obxectivos de reciclaxe son un bo comezo, pero a reutilización e a redución son os primeiros pasos a dar para conseguir unha maior eficiencia e eficacia tanto na xestión de residuos coma no uso de recursos naturais. Non podemos esquecer que os residuos tamén son recursos.
A xestión tan pobre dos residuos está a contribuír a unha demanda insostible de materiais importados por parte de Europa. Amigos de la Tierra mostra os impactos ambientais e sociais provocados pola extracción, uso e eliminación de tres materiais moi utilizados en no continente: litio, aluminio e algodón. Sendo un dos principais importadores por persoa, Europa é responsable da destrución do medio e das consecuencias nefastas para as comunidades das zonas onde se extraen estes recursos naturais.
A extracción de litio en Chile, por exemplo, está a provocar a redución e contaminación das reservas de auga. Esta situación pon en perigo as comunidades locais, que se encontran con grandes dificultades para cultivar os seus alimentos, e prexudica á flora e fauna local.
Por outro lado, a produción de aluminio é responsable, ademais dos problemas sociais e ambientais asociados á extracción, do 1% das emisións globais de efecto invernadoiro.
“No caso de España, a situación é máis insostible se cabe, xa que os niveis de reciclaxe son inferiores á media europea, pero a xeración de residuos e, polo tanto, o nivel de consumo desbaldidor é superior. Ademais, unha reciclaxe eficiente crea moitos máis postos de traballo que a vertedura e a incineración. É necesario que o goberno de España interveña nun cambio de modelo de forma urxente”, sinala Alodia Pérez, responsable da área de recursos naturais de Amigos de la Tierra España.
Amigos de la Tierra considera que a redución de residuos e a reutilización e reciclaxe de produtos, ademais da limitación da vertedura e a incineración, son as vías máis axeitadas para alcanzar un uso sostible dos recursos en Europa. Na mesma liña, unha xestión correcta dos residuos pode contribuír significativamente a unha redución no consumo de materiais e produtos, reducindo así o esgotamento da base global de recursos naturais.
Para ver o informe completo: “Menos es más” castelán / “Less is more” (orixinal en inglés)