rios_limpos_pA Plataforma Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, presentou alegacións ao aproveitamento hidroeléctrico reversible da Central Salas-As Conchas, ao considerar que non se non se atopa entre as actuacións do vixente Plan Hidrolóxico, xa que neste momento está en proceso de elaboración o novo Plan Hidrolóxico 2010-2015 da conca Miño-Sil e ata que sexa aprobado definitivamente non se deben autorizar concesións de aproveitamento hidroeléctrico que vaian en contradición co dito Plan Hidrolóxico.

Ademais este proxecto e estudo da modificación de características, autorización e declaración de utilidade pública do aproveitamento hidroeléctrico reversible de Salas-As Conchas, non pode considerarse como modificación do aproveitamento existente, senón que é unha nova concesión xa que se trata da construción de novos elementos descritos no devandito proxecto, para o cal requírese a solicitude da preceptiva concesión e non se axusta ao Regulamento do Dominio Público Hidráulico.


A construción da nova central de reversible de Salas- As Conchas produciría un dano aos cursos fluviais do río Salas e Limia, que ten como motivación principal o lucro mediante a produción de enerxía eléctrica, nun contexto de exceso de capacidade instalada na conca Miño-Sil. Asi a Directiva Marco do Auga establece que a auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal.

O desenvolvemento deste proxecto ten lugar nun territorio protexido, que está afectado polo Convenio de Albufeira, polo que ten que ser tido en conta e valorado pola Comisión para a Aplicación e Desenvolvemento do Convenio sobre Cooperación para a Protección e o Aproveitamento Sostible das Augas das Concas Hidrográficas Hispano – Portuguesas, xa que van causar un impacto transfronteirizo, por contaminación antropoxénica provocada polo travase de augas contaminadas principalmente por nitratos/amonio e cianobacterias do encoro de As Conchas ao encoro de Salas e consecuentemente ao encoro de Lindoso que afectarían tamén augas abaixo as poboacións portuguesas do Alto Miño das Cámaras Municipais de Montalegre, Terras de Bouro, Melgaço, Arcos de Valdevez, ponte dá Barca e ata Viana do Castelo, xerando problemas nos sistemas de abastecemento de agua destas localidades de Portugal.

Ase mesmo, afectaría gravemente o espazo protexido “Parque Transfronteirizo Gerês-Xurés” pondo en risco a súa declaración como Reserva da Biosfera pola UNESCO.

En relación á xustificación do proxecto, non existe unha produción real de enerxía, xa que se vai consumir máis enerxía no sistema de bombeo que no de turbinación. Tamén se manifesta que nestas centrais se produce unha perda de enerxía da orde do 25-30% nun ciclo puro de bombeo e turbinación, polo que non existe ningunha xustificación obxectiva para a realización do proxecto.

Ademais, os sistemas de produción de enerxía eléctrica teñen que ser descentralizados, de forma que se produza o mais próxima aos lugares de consumo, feito que non ocorre para o caso da conca Miño-Sil, que xa se atopa saturada coa construción de centrais hidroeléctricas.

conchas_02

Os encoros de Salas e As Conchas contan cun diferente estado trófico e ecolóxico; así no estudo do hábitat fluvial no encoro de As Conchas detectáronse cianobacterias con % superiores ao 99% sendo catro dos taxons tóxicos, calificándose no verán do ano 2011 como hipertrófico e detectándose valores de cianobacterias de 39,47 mm3/l, asi  segundo a OMS quedaría clasificado este encoro como Nivel Guía 2 con moderadas posibilidades de causar efectos adversos para a saúde, polo que sería recomendable unha restrición do baño.

A posta en contacto das dúas masas de augas dos encoros de As Conchas e do Salas, provocaría alteracións significativas en relación ás concentracións de nitratos e amonio de ámbalas dúas masas de augas e alteracións nas comunidades taxonómicas do fitoplancto producindo unha contaminación antropoxénica que afectaría ao estado de calidade das augas, non alcanzándose o bo potencial ecolóxico segundo os criterios da Directiva Marco da Auga.

Por todo o exposto dende a Plataforma Ríos Limpos vimos de solicitar que se desestime e se formule unha declaración de impacto ambiental en sentido negativo para o proxecto aproveitamento hidroeléctrico reversible de Salas-As Conchas.