acaparamento_terras_FOEITrala denuncia dos problemas sociais e medioambientais que o fenómeno do acaparamento de terras está a acarrexar nos países empobrecidos, queremos continuar o noso traballo de divulgación achegando nesta ocasión un revelador documental emitido polo programa de TVE Documentos TV e realizado pola cadea de televisión francoalemana ARTE TV.

Planeta en venta analiza casos reais de venda de terras de cultivo a empresas, gobernos e inversores estranxeiros nalgunhas das rexións máis castigadas por este drama, deixando patente a crecente tendencia á deslocalización agrícola e as consecuencias deste modelo de produción que provoca expropiacións e empobrecemento dos agricultores locais, que se ven expulsados en moitas ocasións das terras que anteriormente cultivaban, poñendo en risco o dereito á alimentación de gran parte da poboación deses países; ao tempo que fomenta a especulación alimentaria, a privatización dos recursos naturais e, en definitiva, a fame e a crise alimentaria global.

A procedencia dos inversores é variada. A maior parte deles veñen dos países máis enriquecidos e industrializados do planeta (EEUU, Europa), pero tamén de países emerxentes que están a vivir procesos acelerados de crecemento e expansión económica e que contan con poboacións en constante crecemento (como a India ou China) ou de países do Golfo con moitos recursos económicos en busca de novas oportunidades de negocio. En todos os casos o obxectivo é o mesmo: facerse con terras de cultivo en países con gran potencial agrícola, escasas regulacións e controis ao respecto e poboacións que sufren grandes carencias na cobertura das súas necesidades vitais máis básicas. Nese contexto se produce a entrada da inversión e o capital estranxeiro que, lonxe de contribuir ao paliamento desta situación parece condenar aínda máis aos seus habitantes ¿Cales son as consecuencias deste fenómeno? ¿quen sae beneficiado? Algunhas das respostas as atoparedes neste impactante documental.