O célebre xornalista do xornal The Guardian que definiu Rodas como a mellor praia do mundo evidentemente non a visitou un soleado domingo de agosto, coa area totalmente cuberta de toallas e antucas e o cartel de completo posto en bares, cámping e quioscos.
Hai unha década as Cíes deixaron de ser parque natural e coa inclusión doutros arquipélagos convertéronse en Parque Nacional.
Non se trata dun cambio de nome, un Parque Nacional é o maior grao de protección que a nosa lexislación outorga a un espazo protexido, é moito máis que unha bonita praia e o diario británico fixo un fraco favor aos que defenden que se vexa de forma distinta.
Moitas veces confúndese parque nacional con parque natural, e á súa vez estas categorías mestúranse con lugares de interese comunitario, reservas da biosfera, paisaxes protexidas e outras complexas catalogacións.
Desculpando a impertinencia poderiamos explicalo utilizando a metáfora futbolística, referíndonos á champions, a liga, as categorías rexionais e o partido de solteiros contra casados das festas patronais. No fondo trátase do mesmo deporte, pero na práctica non quere dicir o mesmo estar nunha categoría que noutra.
Certamente Cíes é moito máis que unha praia, pois o seu relativo illamento insular interrompido poucos meses ao ano axudou a que conservase uns valores naturais e un catálogo de flora e fauna menor que outros espazos galegos menos protexidos e máis ameazados pero en calquera caso notable e que, como seguramente en calquera lugar ao que se dedicase o mesmo esforzo investigador que se desprega nas illas, constantemente se lle engaden sorprendentes descubrimentos. Conservar primeiro eses valores, e divulgalos despois, é o obxectivo dun espazo protexido.

Para empezar un parque nacional debería ser exemplar no cumprimento das súas propias normas. Se dez anos despois da súa creación aínda carece do plan de uso e xestión que preceptivamente debería estar presentado un ano despois da declaración como parque, é difícil dar exemplo.
O avance do plan de uso e xestión, aínda pendente de aprobación, non nos invita a ser optimistas en canto ás medidas de conservación dos seus valores naturais. Esperamos que este novo atraso sirva para dar un novo rumbo conservacionista ao documento.
Evidentemente a crise nótase na xestión do parque e moitos servizos esenciais vense recortados. É moi positivo o impulso que se está a dar ao voluntariado ambiental, e felicitamos por iso aos seus responsables, pero non esquezamos que a propia Lei de Voluntariado establece claramente que unha persoa voluntaria xamais debe substituír un posto de traballo. Esperemos que o parque non supere esta perigosa liña.
En calquera caso, con seis millóns de euros investidos no edificio Cambón, no que será a sede do parque (finalmente será un ecomausoleo máis) para albergar oficinas, despachos e unha aparatosa exposición con inexplicables “cabinas de teletransporte” como elemento estelar parece complicado defender que non existe diñeiro para persoal e actuacións de conservación e mellora ambiental no propio parque. É simple orde de prioridades entre o real e o virtual que deberiamos vixiar especialmente este funesto verán no que comprobamos que tamén arden os parques nacionais.

Como solucionalo:
Se realmente queremos difundir que Cíes é máis que unha bonita praia comecemos por deixar de promover como reclamo principal esa dubidosa mellor praia do mundo, que bastante desgracia ten coa súa bandeira azul. Eduquemos para iso, en primeiro lugar, a todos os concelleiros, alcaldes, conselleiros e presidentes da Xunta que non fan outra cousa que referirse ás illas como areais de veraneo.
Posteriormente “eduquemos” os visitantes, para que vexan nas illas máis que sol e praia, debemos potenciar a educación ambiental e a interpretación in situ con persoal especializado e non a través de aparatosas, afastadas e caras exposicións. Tampouco estaría de máis que as/os responsables do parque pasasen polos cursos de educación ambiental que esixen ás súas guías.
Se realmente queremos protexer os seus valores naturais actuemos radicalmente sobre as súas principais ameazas, que non son precisamente os domingueiros que acoden en verán a torrefactarse tomando o sol en Rodas.
Se realmente o verdadeiro tesouro das illas son os seus fondos mariños (como tantas veces se nos di) un mínimo do 75% das súas augas deberían considerarse áreas mariñas protexidas. Ese santuario sería a reserva que garantiría o repoboación de especies comerciais no conxunto da ría. O sector pesqueiro oponse mesmo ao mínimo 3% proposto porque ninguén lles explica os beneficios nin se lles ten en conta. Igualmente en época de cría de especies ameazadas determinadas artes de pesca deberíanse prohibir.
Se realmente queremos minimizar o impacto dos visitantes, non só debemos restrinxir o seu número, senón ampliar as zonas de reserva integral.
Se realmente queremos presumir do principal arquipélago do único parque nacional galego… empecemos dunha vez a actuar coma se o fose.