
Amigos da Terra xunto co Centro de Transfusión de Sangue de Galicia e Voz Natura vai a levar a cabo, por décimosegundo ano consecutivo na cidade de Ourense, a campaña: “Axuda a vivir, doa sangue e planta unha árbore”, que acadou o ano pasado unha participación de 225 persoas.
A iniciativa terá lugar entre os días 16 e 20 de xullo e tenta acadar un dobre obxectivo: mellorar a información dos cidadáns sobre as doazóns de sangue, un xesto solidario indispensable para o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, sobre todo nestas datas, nas que fan máis falta as doazóns debido ao aumento do número de accidentes. Así como provocar unha especial sensibilidade social a prol da conservación do medio ambiente, xa que como todos e todas sabemos, os índices de incendios forestais aumentan dun modo alarmante nos meses de verán, provocando a desaparición dos bosques galegos e a perda de biodiversidade.
Por iso, a través desta campaña temos a posibilidade de facer unha dobre contribución: axudar ás persoas e axudar ao medio ambiente.
Durante os cinco días nos que se desenvolverá esta iniciativa, voluntarios/as de Amigos da Terra distribuirán información sobre a doazón de sangue e ofrecerase aos doadores e doadoras a posibilidade de plantar unha árbore por cada doazón que se rexistre.

A unidade móbil estará presente nos seguintes lugares da cidade de Ourense:
Luns 16 de xullo: Rúa Nicomedes Pastor Díaz esquina Rúa Fernández Alonso, na rotonda. Barrio de A Carballeira. Horario: de 15.30 a 21h
Martes, 17 de xullo: Rúa do Paseo 37, ao carón da Subdelegación de Defensa. Horario: 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21h
Mercores, 18 de xullo: Rúa do Paseo 37, ao carón da Subdelegación de Defensa. Horario: 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21h
Xoves, 19 de xullo: Rúa Vilarreal 6, ao caron do colexio Santo Ángel. Barrio do Couto. Horario: 9.30 a 14.30 e de 15.30 a 21h
Venres, 20 de xullo: Rúa Euloxio Gómez Franqueira (diante da farmacia). Barrio de A Estación. Horario: de 15.30 a 21h
Ti tamén podes colaborar a través de Amigos da Terra, achegándote á asociación para inscribirte como voluntario/a na campaña. O noso obxectivo será o de dar información a pé de rúa aos cidadáns sobre dita campaña.
Todas as persoas que desexen participar como voluntarias nesta campaña, poden poñerse en contacto con nós:
Amigos da Terra