rios_limpos_A Plataforma Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, ven de rexistrar una denuncia por abandono de residuos altamente tóxicos, corrosivos e perigosos para a saúde das persoas, para a fauna acuícola e terrestre no Xulgado de Instrución de Xinzo da Limia. 6 contedores cunha capacidade de 200 litros de ácido fluorhídrico (1200 litros en total) abandonados nunha explotación de feldespatos a carón da Pedra Alta (Lagoa de Antela).

O abandono destes ácidos demostra una vez máis o fallo do control das Administracións Públicas (Inspección Ambiental da Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica, Servizo de Conservación da Natureza, Concello de Sarreaus…) e o incumprimento reiterado da lexislación medioambiental e a posta en risco da saúde das persoas e do medio ambiente.

Os vertidos ilegais e depósito e abandono de produtos tóxicos, corrosivos e moito perigosos, foron localizados no lugar coñecido como Pedra Alta, no Polígono Empresarial de Sarreaus, nas instalacións da empresa “Feldespatos Sarreaus SL” Folgoso, Sarreaus (Ourense), sendo a zona un lugar integrante do espazo natural protexido coñecido como “ZEPA de A Limia” lugar de interese comunitario.

Nas instalacións da empresa enriba citada están depositados e abandonados 6 contedores (bidóns de 200 litros de capacidade) 1200 litros en total, que polo que aparece na ficha exterior dos bidóns é Ácido Fluorhídrico 70/75%. Trátase dun produto altamente tóxico, corrosivo e irritante que en contacto coa pel produce queimaduras moi dolorosas, produto altamente tóxico e perigoso para os seres vivos terrestres e acuáticos.

Os bidóns que conteñen o ácido fluorhídrico están a intemperie sen ningunha protección, a carón da balsa de auga da que se extraían as areas para a explotación de feldespatos. Calquera persoa ou calquera ser vivo pode entrar en contacto con este produto tóxico e corrosivo.

Tamén se observan no mesmo lugar un depósito abandonado que contiña produtos tóxicos e corrosivos con pictogramas que sinalan a súa perigosidade así como instalacións de duchas de emerxencia e zonas especificas para lavados de emerxencia por posibles contactos dos traballadores e traballadoras cós produtos tóxicos.

A carón dos bidóns abandonados existe unha pequena balsa na que se observa un liquido de cor negra, con forte fedor a algún tipo de ácido, balsa aberta a todo tipo de elementos atmosféricos e a posibles contactos con todo tipo de seres vivos, observase a simple vista que en días de chuvia estes líquidos deposítanse na poza da que se extraia a area.

Dende a Plataforma Ríos Limpos, constituída por veciños/as ourensás afectados e interesados polo medio ambiente, considerase que estes vertidos son “ilegais e comportan, e corrobora a ciencia, graves danos para o medio ambiente e potencialmente para a saúde humana”. Estes residuos químicos abandonado teñen a consideración de residuo inorgánico, tóxico e perigoso con código 060103 “ácido fluorhídrico”.

Os feitos narrados constitúen un gravísimo atentado aos nosos recursos naturais e o medio ambiente e están tipificados como delitos nos artigos 325, 328 e 330 do Código Penal polo que puxéronse en coñecemento da autoridade xudicial, para que proceda a súa investigación e leven a cabo as pescudas das persoas que puideran ser responsables dos mesmos.

A Plataforma Ríos Limpos ademais da presente denuncia xudicial tamén achegará as súas queixas e solicitará responsabilidades aos distintos organismos oficiais con competencias sobre a materia, polo seu continuo desleixo e incompetencia.