rios_limpos_Despois dun investimento de diñeiro público de 600.000 euros na estación depuradora de augas residuais, EDAR, do Pereiro de Aguiar, rematada a principios do ano 2010 e tendo que pagar o concello (diñeiro dos veciños e veciñas) un canon anual de 240.000 euros por verquer na depuradora de San Cibrao das Viñas; a EDAR segue pechada, sen funcionar, estragándose o seu equipamento por falla de uso e, o máis grave, contaminando as canles fluviais da zona con total impunidade.

A Plataforma Ríos Limpos , á cal pertence Amigos da Terra, vai a realizar xestións diante de distintos organismos para denunciar estes feitos e pedir responsabilidades por este desleixo e incompetencia manifesta dos xestores políticos responsables.

A EDAR do Polígono de Pereiro de Aguiar non funciona porque non dispón de punto de verquido. Ao non funcionar a EDAR supón que as augas residuais se vercan aos regatos da zona sen depurar, ou no mellor dos casos se desvíen a EDAR de San Cibrao das Viñas. O verquido á EDAR de San Cibrao das Viñas suponlle ao Concello que dirixe como alcalde o Sr. Eliseo Fernández un canon anual de 240.000 euros (diñeiro dos veciños e veciñas do Pereiro).

Dende Ríos Limpos preguntámonos: como é posible tanto desleixo e incompetencia na xestión dos intereses públicos? Como se poden gastar 600.000 euros na construción da EDAR do Pereiro e ao non funcionar a mesma gastar outros 240.000 euros anuais por canon de verquido ao Concello de San Cibrao? (un custo mensual de 20.000 euros, case 3,5 millóns das vellas pesetas que se cargan os veciños e veciñas do Pereiro).

Ríos Limpos ademais das denuncias sistemáticas dos verquidos contaminantes continuos e ilegais que e producen na zona, tamén vai tomar a iniciativa de dirixirse aos organismos responsables para que se poña a funcionar de forma inmediata a EDAR do Pereiro de Aguiar (rematada no ano 2010 con fondos estatais) e ao mesmo tempo pedir as responsabilidades que as distintas normativas de aplicación recollen, polo desleixo manifesto e malversación de diñeiro público nunha obra que non só non cumpre a súa función, senón que tamén se pode perder pola súa falla de uso.

Lembramos que para o vindeiro día 5 de xuño a Plataforma Ríos Limpos esta organizando unha concentración na Praza Maior de Ourense cidade ás 19.30 horas. Actividades de desagravio polo maltrato que dispensamos ao medio ambiente no conxunto da provincia de Ourense.