
En xullo do ano pasado aprobouse a lei 22/11 de Residuos e Solos Contaminados. Un pequeno éxito para as organizacións ecoloxistas que durante décadas realizaramos peticións continuas para lograr unha xestión adecuada dos residuos. ¡Por primeira vez no noso país víanse plasmadas nunha lexislación estatal!
Pero nas ultimas semanas o novo Goberno pretende dar pasos atrás na lei eliminando os pequenos logros acadados despois de moitos anos de reivindicación.
Ademais dos obxectivos mínimos de reutilización e reciclaxe establecidos pola Directiva Marco Europea de residuos, conseguimos a introdución de obxectivos vinculantes de redución de residuos, a inclusión da materia orgánica como material reciclable ou compostable e a incorporación de sistemas que melloran as porcentaxes de reciclaxe e que abren a porta á reutilización, como o Sistema de Devolución, Depósito e Retorno (SDDR), entre outras medidas.
Con todo, nestas últimas semanas, o novo Goberno pretende acabar coa lei, eliminando moitos dos acordos que xa alcanzaramos. O executivo pretende suprimir a opción de implantar a devolución de envases en España, aplicada noutros países como en Alemaña, Holanda ou Noruega, con moi bos resultados. Con esta decisión, está pechando a porta á reutilización (opción máis ecolóxica que a reciclaxe, con menor gasto de recursos, enerxía e auga), á vez que dificulta cumprir cos obxectivos de reciclaxe europeos (50% de metal, vidro, papel e plástico no ano 2020). Hai que ter en conta que este sistema de devolución consegue reciclar unha maior porcentaxe de residuos.
Ante a gran crise económica, pero tamén ambiental, á que nos enfrontamos, é necesario reducir o noso impacto sobre o medio ambiente, e reducir a excesiva xeración de residuos. Sabías que un 85% dos nosos refugallos terminan en vertedoiros ou incineradoras, cando poderían reciclarse? Trátase dun exemplo máis da falta de lóxica que se aplica na xestión dos residuos, e do malgasto de recursos naturais que supón.
Ademais, o problema é aínda máis grave nos países do Sur, onde se atopa a gran maioría dos recursos naturais, recursos que terminamos utilizando aquí. Esta extracción de materiais é unha das principais causas de deforestación, desprazamento de poboacións, acaparamiento de terras, etc. Afortunadamente, cada vez máis xente dáse conta de que a gran maioría dos nosos actos aquí afectan a outros países, e actúan en consecuencia.
Por iso, cremos que necesitamos un cambio, tanto aquí, como alí. E seguiremos traballando para que se escoiten as voces de cidadáns e cidadás do Norte e do Sur, que pon a súa vontade e o seu esforzo cada día pola protección da Terra e as persoas que a habitan, e esperan que os gobernantes tamén asuman a súa responsabilidade.
A lei de residuos aprobada o ano pasado non era perfecta, nin incluía todas as recomendacións que fixeramos os grupos ecoloxistas, aínda así, significaba un pequeno avance. Agora, o Goberno recula ante esta lei, e sobre algo xa consensuado, que melloraría a nosa economía, acabaría coa extracción inxustificada de recursos naturais e facilitaría a xestión de residuos, pretende dar unha portada.
En Amigos da Terra, en conxunto con outras forzas sociais, seguiremos esixindo medidas intelixentes, que nos permitan avanzar mirando máis aló dos intereses económicos duns poucos, as nosas propostas miran e mirarán pola cidadanía e A Terra.