
A Amigos da Terra que se encetaran as tarefas de recuperación-restauración das zonas afectadas polo recente incendio forestal nas Fragas do Eume parécenos ben e cremos que é o camiño axeitado.
Amigos da Terra quere lembrarlle ao Goberno galego que tamén é imprescindible levar adiante as mesmas medidas de recuperación-restauración ao resto de ecosistemas forestais de Galicia, especialmente nos espazos naturais protexidos.
O mesmo que se está a facer nas Fragas do Eume tamén se ten que facer na Serra de Queixa, Manzaneda, Serra do Xurés, Pena Trevinca, Serra do Candán, Pena Trevinca, Montes do Courel, Montes de Samos, Serra de Meda-Ribeira Sacra, Reserva da Biosfera de Allariz…e un longo número de ecosistemas forestais afectados polos incendios neste ano e no outono do ano 2011.
É nas zonas integrantes da Rede Natura 2000 (LICs, Parques Naturais, zonas ZEPA) onde a Xunta de Galicia debe facer unha valoración efectiva dos danos (danos a flora, a fauna, especies protexidas, risco de erosión, perda de biodiversidade, perdas económicas e sociais a poboación destas zonas protexidas…) e por en marcha as fases do imprescindible “Plan de Restauración-Recuperación”. Despois desta 1ª fase do plan de acción, na 2ª fase comezaríase a rexeneración para intentar minimizar os danos que afectaron aos devanditos ecosistemas forestais.
Que a Xunta de Galicia só centre os traballos de recuperación nas Fragas do Eume é unha mostra máis da falla dunha visión integral do país, unha demostración máis da marxinación do interior, unha demostración máis do desleixo, falla de visión, incompetencia, engano e mentira… É preciso recuperar as Fragas do Eume mais tamén é preciso e imprescindible levar as mesmas medidas ao resto dos espazos naturais protexidos afectados polos incendios forestais de Galicia, non se pode esquecer e marxinar a uns espazos porque a presión mediática sexa menor “O que non se coñece non se valora”.
Amigos da Terra vai a pedir de novo a Xunta de Galicia que se tomen as medidas axeitadas para o conxunto do país, solicitaremos que tamén as distintas administracións públicas se posicionen e busquen solucións a problemática dos incendios.

Contrasta a reacción por unanimidade da Deputación da Coruña solicitando medidas para as fragas do Eume co silencio da Deputación de Ourense, e bo lembrar que no ano 2011 das 30.000 hectáreas calcinadas en Galicia, segundo datos oficiais, 20.000 hectáreas arderon en Ourense (nin un só plan de recuperación, nin un só euro de investimento, nin unha soa visita institucional a esta provincia…) o interior de Galicia arde en silencio e a falla de información agocha e minimiza os efectos que os incendios producen no noso patrimonio natural.
Amigos da Terra vai a mandar escritos ao Presidente da Xunta, Conselleira do Medio Rural e do Mar, Conselleiro de Medio Ambiente, administracións locais…para que os programas de recuperación-restauración-rexeneración se leven adiante no conxunto de Galicia e para que se informen e tomen as medidas axeitadas para o conxunto dos ecosistemas naturais do país.
Para rematar tamén queremos mostrar o noso apoio a aqueles veciños e veciñas que estando afectados pola vaga incendiaria observan con impotencia a súa marxinación, esquecemento e falla de medidas tanto da Xunta de Galicia como do resto das administracións públicas, medidas que tiñan que minimizar os prexuízos creados polos incendios forestais. Dentro das nosas posibilidades, Amigos da Terra ofrecese para asesorar e axudar a estas zonas esquecidas.