
As obras da central hidroeléctrica de Os Peares secan o leito do río.
As obras que actualmente se realizan na central de Os Peares están a secar completamente o leito do río, introducindo descontroladamente maquinaria pesada e provocando unha grave alteración das súas ribeiras con centenares de toneladas de entullos.
Ante a situación de seca as empresas eléctricas comezan, como en Os Peares, a instalar turbinas secundarias que aproveiten o caudal ecolóxico de saída, desta forma engaden unha nova agresión sobre as xa maltratadas canles fluviais. A loita para que non quede unha soa gota de auga sen aproveitar para producir kilowatios sáldase na práctica coa extinción da vida en tramos enteiros dos nosos ríos.
O caudal ecolóxico, calculado nun 10% da media do curso de auga, representa a cantidade mínima vital imprescindible para garantir a supervivencia dos ecosistemas fluviais. O mantemento dese caudal ecolóxico é unha obriga legal, reiteradamente incumprida polas empresas eléctricas ante a pasividade da administración. Retirar unha soa gota dese caudal ecolóxico de supervivencia representa unha agresión intolerable que, especialmente en situacións de seca extrema, pon en perigo a continuidade dos procesos ecolóxicos esenciais.

É ademais moi significativo que esta nova agresión se produza precisamente no que debería ser o noso río emblemático. O Miño, que acumula todas as agresións e contaminación imaxinable se está a converter no mellor exemplo da falta de control e respecto co que todas as administracións tratan ao noso patrimonio natural.
Amigos da Terra presenta a correspondente denuncia ante a confederación hidrográfica, ademais de manifestar a súa sorpresa porque a devandita confederación non actuase xa de oficio e paralizase estas obras de evidente impacto ambiental.