Vertido_materiales_relleno_puerto_Vigo

Para a organización ecoloxista a Autoridade Portuaria de Vigo, con Corina Porro á cabeza, é outro exemplo de claro oscurantismo informativo e continuo incumprimento da Lei Aarhus, ademais de levar a cabo prácticas pouco sostibles co medio ambiente. Amigos da Terra non descarta solicitar á Unión Europea a revisión e retirada da Certificación EMAS.

A Autoridade Portuaria de Vigo, ao igual que a área de medio ambiente do Concello, dedicouse durante os últimos anos a levar a cabo unha política de silencio informativo. Dende Amigos da Terra solicitouse fai tres meses unha copia desta Certificación EMAS (Sistema Comunitario de Gestión e Auditoria Medioambiental), e aínda continúa agardando a que a Autoridade Portuaria remita unha copia para poder analizala.

O certificado EMAS esixe unha serie de exhaustivas auditorías da organización antes da expedición do certificado. Empresas verificadoras encárganse de realizar a declaración de conformidade, por iso, dende Amigos da Terra solicitamos información das empresas de verificación que avalaron a Certificación EMAS do Porto de Vigo e o silencio foi a súa única resposta ata o momento.

Así mesmo, existen outro tipo de actuacións levadas a cabo pola Autoridade Portuaria bastante cuestionables dende o punto de vista ambiental, como por exemplo, a autorización dun despezamento de barcos na zona de Teis. Un proxecto que carece de estudo de impacto ambiental e de permiso de Medio Ambiente, ademais de constituír unha actividade molesta, perigosa e cun elevado risco de contaminación.

No referente aos vertidos á ría de Vigo, moitos proceden da propia zona portuaria, incluídas as verteduras absolutamente incontroladas das áreas de estaleiros e industrias portuarias, conserveiras e servizos de Teis e Bouzas. Non esquezamos que segundo un informe de Augas de Galicia, a terceira parte das verteduras na nosa comunidade atópanse nas rías de Arousa e Vigo.

O Porto de Vigo conta ademais, cunhas cifras absolutamente escandalosas de descarga de pescado, converténdose no maior cómplice europeo do espolio e exterminio dos recursos pesqueiros, ademais de ser a capital da pesca con dinamita.

“Porén, seguen enchendo a Ría, con estacas ou con diques, pero seguen ocupando espazo. Ás veces de golpe, e outras pouco a pouco, pero seguen invadindo o mar. Que o proxecto “Nouvel” fose unha loucura do actual alcalde non exime de responsabilidade a Corina Porro polos seus recheos, que como todos os seus antecesores, vaise do porto deixando recheos en acto ou en potencia“, engadiu Antón Lois, vogal de comunicación de Amigos da Terra.