Para Amigos da Terra, a responsable deste departamento, Chus Lago, levou a cabo unha política de oscurantismo informativo e catro anos despois, os grandes problemas ambientais da cidade (a contaminación da Ría, a depuración das augas, os vertidos sistemáticos ao Lagares, a contaminación atmosférica, a ordenación territorial, a perda xeneralizada de biodiversidade, a perda de espazos verdes, a deforestación urbana, as invasións do litoral, a creación de praias artificiais, a mobilidade urbana insostible) continúan sen solución.
Durante estes catro anos, Chus Lago, mantivo unha política de absoluto oscurantismo informativo, recorrendo a todas as manobras dilatorias posibles para non cumprir a normativa de dereito á información ambiental, sendo na práctica totalmente imposible conseguir revisar e contrastar todos os informes triunfalistas que anunciou nos medios, pero aos que ninguén conseguiu ter acceso para analizalos.
Do mesmo xeito, negouse sistematicamente a recibir a todos os colectivos sociais minimamente críticos con a súa labor, ignorando durante anos todas as solicitudes de entrevistas que recibiu. Como dato obxectivo, os ecoloxistas mantivemos nestes catro anos diversas reunións coas distintas ministras de Medio Ambiente, cos distintos Conselleiros da Xunta, e mesmo coa Comisaria Europea de Medio Ambiente, pero foi absolutamente imposible ter unha reunión con Chus Lago.
Por outra banda, na revista promocional da Alcaldía para as vindeiras eleccións municipais, atópase un apartado no que se fai un balance da xestión de Chus Lago como responsable da área de Medio Ambiente. Para Amigos da Terra, este balance, reflexa claramente que a súa sorprendente inclusión como número dous da candidatura nas pasadas eleccións foi unha simple manobra populista, convertendo a concellería de Medio Ambiente nun club de sendeirismo.
No documento fálase da recuperación dos humedais, cando ese proceso aínda segue pendente de finalizar, coa maioría das promesas sen facer, como as repoboacións, construción de observatorios, etc.
A responsable de Medio Ambiente confirma no mesmo, a recuperación do río Lagares, desmentíndose a se mesma xusto na liña seguinte, cando menciona a “redución de vertidos no Lagares”. Neste senso, no documento tamén comenta a incorporación de 15.000 vivendas á rede de saneamento, omitindo o dato relevante de que logo esa rede, que verte ao Lagares, non sanea os vertidos que finalmente verte á Ría.
Neste texto, tamén fala da licitación da depuradora, cando unhas páxinas máis adiante o Alcalde a corrixe dicindo que esa licitación está aínda en proceso, e sendo ademais un proceso que está sendo revisado. Polo que formalmente, estes catro anos rematarán sen depuradora nin sequera licitada.
Chus Lago proclama así mesmo, a recuperación do zoo da Madroa, cando nin sequera conta 40 anos despois con licenza municipal de actividade, ocupa ilegalmente os terreos no que sigue instalado e aínda segue pendente de adaptarse totalmente á normativa europea, con parte das instalacións pechadas ao público.
Por outra banda, no documento tamén afirma que Vigo está por riba da media en recollida selectiva de residuos, omitindo o dato relevante de que tamén está por riba da media na xeración de residuos, pois nunca se preocupou o máis mínimo por unha campaña para a redución dos mesmos, auténtica solución para o problema dos residuos sólidos urbanos.
Igualmente lamentable sería facer balance das súas restantes áreas de xestión (nada menos que sanidade e consumo) das que nin sequera figura unha liña na revista promocional editada pola Alcaldía.
Agora, relegada ao décimo posto da lista electoral, desexamos a Chus Lago, moitos éxitos na súa carreira deportiva e agardamos que polo menos a experiencia municipal poida servirlle para entender que trepar nas montañas non e o mesmo que na política.