100528_expossantiago

Dende mañá, día 1 e ata o 10 de abril, a sala de exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu, acollerá a exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios).

Ambas as dúas entidades colaboran nun proxecto de sensibilización co obxectivo de difundir o traballo que a asociación ecoloxista leva a cabo en Centroamérica a prol da pesca artesanal e sostible. Cinco reporteiros desprazáronse a Nicaragua, El Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e o uso do Golfo de Fonseca, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade. Alí entrevistáronse cos distintos sectores implicados para comprobar os logros que se están a acadar en materia de pesca artesanal sostible, conservación dos recursos mariños ou participación das mulleres no ámbito pesqueiro.

Resultado desa visita aos proxectos de Amigos da Terra é a exposición que agora chega a Bueu e que se inaugurará mañá venres, 1 de abril, ás 20.30 horas. Representantes da asociación ecoloxista e de AGARESO, entre eles o fotógrafo Carlos Puga, relatarán as súas vivencias e explicarán as claves do proxecto desenvolvido no Golfo de Fonseca. Proxectarase ademais o documental resultante da experiencia, que vén de ser premiado pola Fundación Biodiversidad.