energia-nuclear_copy

Ante a traxedia acontecida en Xapón polo terremoto do venres 11 de marzo, Amigos de la Tierra envía unha mensaxe de solidariedade co pobo xaponés e lamenta profundamente as perdas humanas. A organización ecoloxista manifesta a preocupación pola situación de emerxencia nuclear  que sofre o país.

Á vista dos feitos e a situación de alerta nuclear en Xapón, Amigos de la Tierra esixe o fin das centrais nucleares. “O que aconteceu en Xapón evidencia perfectamente que a enerxía nuclear non é segura e de ningún xeito está libre de riscos. Por desgracia estamos ante outro desastre nuclear que non fai senón dar a razón a aquelas persoas que defendemos que a enerxía nuclear non pode ter cabida. Non hai garantías de seguridade e ademais non é necesaria”, afirmou Liliane Spendeler, directora ambiental de Amigos da Terra.

É necesario reabrir o debate enerxético no que a redución da demanda, a eficiencia e o decidido impulso polas renovables deben ser as principais apostas. A enerxía nuclear non é segura, nin barata, nin necesaria:

  • A enerxía nuclear non é máis barata xa que no cálculo se esquece o custo de desmantelamento das centrais e a xestión dos residuos durante centos de anos.
  • Supón enormes riscos para a humanidade e o medio durante demasiado tempo como para dicir que non haberá ningún accidente. O risco é inasumible.
  • Non soluciona os problemas de dependencia enerxética, xa que España non ten combustible para as centrais e este é un recurso moi limitado e de perigosa extracción.
  • Supón un risco fronte a ataques terroristas ou catástrofes naturais.
  • A nuclear supón unha mínima porcentaxe do total da enerxía que utiliza a humanidade. É polo tanto doado de substituír por fontes renovables no medio prazo.

Amigos de la Tierra rexeita o uso da enerxía nuclear en todo o mundo e propón a redución do consumo enerxético como piar central da política enerxética en España e Europa. Así, a organización reclama que Europa prescinda desta enerxía na ruta cara a unha sociedade e unha economía libre de emisións de gases de efecto invernadoiro, xa que cun horizonte dunhas décadas, é posible cubrir a subministración eléctrica unicamente con renovables.

Varios estudos mostran que unha Europa impulsada por enerxía limpa e sen nuclear é perfectamente posible. Un deles é o realizado a nivel europeo polo Instituto de Medioambiente de Estocolmo (SEI) para Amigos de la Tierra Europa. Demostra que a redución do consumo enerxético e a substitución progresiva das enerxías sucias polas renovables posibilitan a rápida desaparición da enerxía nuclear do mix enerxético europeo, antes de 2050.

En canto á situación en España, un informe presentado recentemente pola Universidad Complutense e a Fundación CONAMA traza a ruta cara a unha sociedade libre de petróleo e enerxía nuclear, podendo prescindir desta última para 2030. 

Á luz dos riscos absolutamente inasumibles da enerxía nuclear e das posibilidades de substitución, Amigos de la Tierra reclama un claro rexeitamento a este tipo de enerxía por parte dos responsables políticos españois e europeos, acompañado dun calendario de peche das centrais existentes.