Presaencoro

Amigos da Terra rexeita a construción dos grandes encoros neste día onde se reivindica un modo de xestión das augas máis sostible e respectuoso cos ecosistemas e coa poboación no que se debe priorizar o interese ambiental e social da auga sobre outros intereses económicos.

As denuncias coas que traballa Amigos da Terra para por freo ás novas construcións de grandes encoros topa de fronte coas perspectivas económicas das empresas privadas e as administracións. Continúan as agresións ambientais e sociais destas instalacións sen que se recoñezan os impactos negativos das mesmas. A posta en marcha das grandes infraestruturas supón a inundación de miles de hectáreas de zonas de alto valor ecolóxico, agrícola e cultural e mesmo de zonas protexidas legalmente e con recoñecemento dos seus valores ambientais por instancias europeas.

Recentemente autorizouse a instalación da central hidroeléctrica de San Pedro II emprazada en Rede Natura 2000 nos Canóns do Sil. Na actualidade, son obvias as repercusións negativas que a construción e explotación de centrais hidroeléctricas teñen sobre o medio ambiente. A conca do Miño-Sil é unha das máis sobreexplotadas de Galicia por iso a actual Ministra de Medio Ambiente adiantou o seu compromiso coa protección dos ríos galegos. Sen embargo, este mesmo goberno autorizou fai 2 anos a construción de Santo Estevo II e a propia empresa privada executora destes proxectos, xa adianta a inminente construción de Santa Cristina II, novemente no río Sil.

 

A oposición conxunta de ecoloxistas, poboación, grupos políticos e membros das universidades, demostra a falta de interese xeral que denotan estas infraestruturas na actualidade e a innecesaria e inxustificada construción das mesmas.

 

A asociación ecoloxista AEMS-Ríos Con Vida publica hoxe 14 de marzo polo día contra os grandes encoros o Informe “Con la presa hemos topado” que poderás consultar pinchando no seguinte enlace InformeCecebre-ConLaPresaHemosTopado.pdf