
O impacto paisaxístico dos edificios do Outeiro de Castrelos é máis que evidente, e polo tanto moi visible. As iniciativas de cambiar a cor dos edificios, pintándoos de verde, ou plantar unha pantalla vexetal que o tape, poñen ao descuberto o concepto real que teñen os nosos políticos das medidas correctoras de impacto ambiental, reducidas a unha simple cuestión estética, e consecuentemente, ao pouco valor e rigor que teñen na práctica as cuestións ambientais que se esixen aos plans e proxectos urbanísticos.
O Tribunal de Xustiza ditamina reiteradamente unha obviedade: Unha ilegalidade urbanística pintada de verde cambia de cor pero non se converte en legal, unha pantalla vexetal só oculta a visión da ilegalidade, non a legaliza. Esta obviedade, parece non rematar de ser comprendida polas distintas corporacións de distinto signo que pasaron polo Concello nas últimas décadas, “non esquezamos que a primeira sentenza contra O Piricoto ten máis de once anos”, afirma Antón Lois, vogal de comunicación e activismo de Amigos da Terra.
Pero o caso do Piricoto, unha máis das múltiples sentenzas pendentes de execución, non é só unha herdanza produto de erros pasados. Os apartados relativos ao medio ambiente do vixente Plan de Ordenación Municipal evidencian esta confusión interesada entre medio e xardinaría, ao contemplar previsións de incrementos de poboación disparatados, para xustificar a presión constructiva. Pero nin as redes de saneamento, nin a depuración das augas, nin a xestión de residuos urbanos, nin as políticas de redución e reciclaxe dos devanditos residuos, nin a aplicación das normativas de enerxías renovables na edificación, dimensionáronse en función dese estimado aumento de poboación.

Amigos da Terra denunciou no seu día estes defectos ambientais do plan urbanístico, evidentemente, sen que se fixese o menor caso.
Segundo Antón Lois, “o máis preocupante da situación é que o Concello envía unha mensaxe clara ao sector da construción: En Vigo algunhas ilegalidades urbanísticas leves poden ter sanción, pero as graves quedan impunes, e si o problema ten algo que ver con cuestións ambientais, aquí non pasa nada.”
Si este vai a ser o absurdo procedemento a seguir no futuro, Amigos da Terra suxire que por exemplo a torre de Toralla se pinte de verde e azul, segundo se mire desde terra ou desde o mar.