
Con motivo do Día Internacional dos Humedais, que se celebra mañá 2 de febreiro, Amigos da Terra xunto coa Aula de Natureza do Río Miño, levarán a cabo o sábado día 5 de febreiro, unha saída de ecovixías na que visitarán as ribeiras do Río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense.
Partiremos ás 10 da mañá dende a Aula da Natureza do río Miño en Oira (Ourense), a pé, visitando as zonas termais da cidade (A Chavasqueira e Outariz), e observando as aves acuáticas invernantes na depresión Ourensá, chegando ata o observatorio ornitolóxico de Untes, onde daremos volta, rematando a actividade entre as 18:30 e as 19:00 h.
Se queredes participar precisades levar comida- picnic, auga, roupa de abrigo, calzado cómodo e tamén é recomendable levar prismáticos, cámara de fotos, caderno de campo e lapis. Aqueles que o desexedes poderedes facer uso dar termas públicas situadas en Outariz, as únicas que neste momento non están asolagadas polo río Miño, polo que se queredes é recomendable traer toalla e bañador.
Para esta actividade podedes apuntarvos ata o venres día 4 de febreiro ás 14:00 horas, poñendovos en contaco con Amigos da Terra ou ben nos seguintes correos: voluntariado.galicia@amigasdaterra.net ou aulanatureza@ourense.es
