
Dende Amigos da Terra apoiamos o manifesto NON Á DESAPARICIÓN DA EDUCACIÓN AMBIENTAL EN GALICIA no que a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) denuncia a alarmante situación que está a vivir a Educación Ambiental na actualidade: recorte de actividades e recursos, peche e infrautilización de equipamentos públicos, despedimentos e peche de empresas, despilfarro de recursos, etc.
Na actualidade estamos a vivir un alarmante retroceso, evidenciado nos seguintes feitos
Brutal recorte de actividades e recursos. Ademais da redución orzamentaria (e mesmo a total eliminación nalgúns casos) de varios programas de ámbito galego de actividades relacionadas coa EA, as poucas convocatorias de axudas públicas para o desenvolvemento de actividades de EA en concellos e asociacións desaparecen nos orzamentos de 2011.
Peche e infrautilización de Equipamentos Públicos. Os centros de interpretación e aulas de natureza públicos son xestionados por empresas, a través de contratos plurianuais coa Xunta. Neste momento, varias aulas remataron o seu período contractual, ou están a piques de facelo (C.I. A Siradella, C.I. do P.N. Monte Aloia, C. Visitantes do P. N. Corrubedo, Aula de Chelo, entre outros), sen que estean publicados concursos para o establecemento de novos contratos de xestión. Isto ven a supoñer a inactividade e mesmo o virtual peche das mesmas durante meses, reducindo a xa escasa oferta autonómica de actividades neste ámbito.
A EA sen peso no sistema educativo. Dende fai xa varios anos constátase unha decrecente presenza da EA nos contidos do currículo escolar e na formación do profesorado; feito ao que se lle suma agora unha importante redución de programas e iniciativas ligadas ao medio ambiente e a EA. Os poucos proxectos que sobreviven o fan cada vez con menos recursos e ademais, por mor dos recortes, esta situación non pode ser compensada por actividades impulsadas por actores externos coma asociacións ou concellos.
Despedimentos na administración pública e desaparición de empresas. Varios organismos autonómicos que ate o de agora contaban con persoal dedicado a labores de educación e información ambiental reduciron o seu persoal e, previsiblemente, seguirán a facelo nos próximos meses. Así mesmo, ante o recorte de recursos e proxectos, son varias xa as empresas de EA que detiveron a súa actividade, incrementando máis se cabe a precariedade e temporalidade do sector.
Despilfarro de recursos e falta de coordinación entre administracións. A desaparición de programas e o freado na actividade de varios equipamentos públicos, contrasta coas novas infraestruturas anunciadas e/ou programadas (novos equipamentos, sendas en espazos protexidos…). A descoordinación e disparidade de criterios tamén se manifesta entre os propios departamentos da Xunta, que deixa esmorecer os equipamentos propios ao tempo que dilapida recursos en apoiar estragos nos espazos naturais: as obras no contorno do Río Barosa, en Barro; as actuacións no Courel; a desecación da lagoa de Valdoviño, etc.
Dende principios de decembro, a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) está pidiendo o apoio a este manifesto a través da súa páxina web, dispoñendo na actualidade coa adhesión de máis de 700 persoas e colectivos.
Infórmate e asina ti tamén o manifesto, por unha sociedade máis respectuosa co medio, xusta e solidaria!