LAGARES

O pasado luns tivo lugar en Vigo a presentación do informe sobre a saúde do río Lagares por parte da Concellería de Medio Ambiente. Amigos da Terra considera que o estado de saúde do río mantén unha leve pero constante tendencia á melloría, sempre que se analice historicamente e de xeito xeral. As grandes verteduras puntuais que se seguen producindo e as agresións á súa canle, flora e fauna, fan que esa melloría estea moi lonxe das optimistas declaracións da responsable de medio ambiente do concello de Vigo.

A Concellería fixo unha valoración positiva do estado actual do Lagares, non obstante, para Amigos da Terra a situación é moi distinta. A propia depuradora verte directamente ao río en canto se satura pola achega de augas pluviais, e cando o seu funcionamento é “normal” verte como mínimo un 40% das augas residuais sen recibir apenas tratamento algún (tal e como o propio Concello recoñeceu máis dunha vez). Polo tanto, sinxelamente sacamos parte das verteduras dalgúns puntos do río para concentralos noutro, iso se, menos visible, na súa desembocadura.

Para a asociación, que as empresas da canle do Lagares se conecten á rede de saneamento é un dato irrelevante, xa que o realmente importante é saber se a totalidade destas empresas están conectadas tras, previamente, depurar as súas augas residuais tal e como lles esixe a lei. Non obstante, dende Amigos da Terra sospeitamos que moitas empresas verten ao colector xeral os seus residuos sen tratar axeitadamente, como se deduce das reiteradas denuncias da Unión Europea sobre a contaminación da ría.

No referente ás 32 empresas que a concelleira de Medio Ambiente define como en “situación irregular, gustaríanos coñecer a que irregularidades se refire, e tamén se esas irregularidades levan implícita algunha ilegalidade. En calquera caso, que a inicios de 2011, Chus Lago recoñeza que hai polo menos 32 empresas aínda en situación irregular parécenos saudable, aínda que moi preocupante.

Así mesmo, os niveis de osíxeno tampouco resultan determinantes sen unha explicación sobre metodoloxía, calendario e puntos de mostraxe, xa que eses niveis varían de forma natural entre inverno e verán e son distintos no curso alto, medio e baixo do río.

Ante estes datos, Amigos da Terra, acolléndose novamente á Lei 27/2006 de acceso á información ambiental, solicitará á concelleira de Medio Ambiente o devandito informe para analizalo exhaustivamente, aínda que como noutras ocasións supoñemos que Chus Lago negaranos a información.

En calquera caso, dende Amigos da Terra felicitamos á concelleira de Medio Ambiente por unirse ao selecto club ao que pertencen todos os seus antecesores no cargo, ao declarar que o Lagares xa está limpo. A experiencia demostra que, lamentablemente, este tipo de declaracións triunfalistas sobre a saúde do río Lagares non tardan en volverse contra quen as pronuncia. O desexo de Amigos da Terra é que nesta ocasión non sexa así.