2toromos

Millóns de animais morren cada día nos matadoiros do noso país, en moitos casos sen ser anestesiados previamente e incumprindo todas as normas de benestar animal, tal e como proban as reiteradas denuncias ecoloxistas e da Unión Europea. O touro de Mos tivo o valor e a dignidade de intentar escapar valorosamente, un xesto de dignidade polo que merece o indulto.

A máxima é xerar beneficios e a consecuencia é que as súas vidas son valoradas só polo que poidan producir. Por iso, viven toda a súa vida encerrados en espazos diminutos e alimentados con pensos especiais cuxo único fin é que engorden máis rapidamente. O seu desexo de benestar é frustrado nas granxas, onde viven da forma máis miserable.

O transporte dende as granxas é sen lugar a dúbidas a etapa máis estresante e perigosa en toda a cadea de operacións entre as granxas e o matadoiro, logrando un estrés que inflúe de forma desfavorable na saúde, coa consecuente aparición de enfermidades, nalgúns casos, con desenlace fatal para os animais. Todo o proceso do transporte dende as granxas ao matadoiro está pensado para non perder beneficios económicos na produción de carne. Non existe o menor indicio de respecto cara aos animais.

Unha vez no matadoiro sufrirán unha morte horrible, xa que os métodos utilizados nestes espazos están pensados para poder matar o maior número de animais no menor tempo posible.

Por todo isto, Amigos da Terra espera que esta anécdota sirva para reflexionar sobre a vida de sufrimento que levan estas vítimas inocentes, que logo serven de alimento.


Fonte da imaxe: Faro de Vigo