Rwanda--Dian-Fossey-Royalty_copy

Coincidindo co aniversario do asasinato de Dian Fossey, organizacións ecoloxistas e animalistas, entre elas Amigos da Terra, piden ás comunidades autonómicas que cumpran coa lei de zoolóxicos e pechen se é necesario, todos os establecementos que non acaten a lexislación.

Hai 25 anos, Dian Fossey, gran defensora dos gorilas de montaña, foi asasinada durante a noite do 26 ao 27 de decembro posiblemente por cazadores furtivos. En 1967 esta grande ecoloxista, fundou o Centro de Investigación de Karisoke, nas montañas de Virunga (Ruanda). A partir de entón converteuse nunha celebridade mundial co seu traballo dedicado a salvar da extinción o gorila das montañas. Ela era partidaria da “conservación activa”, creando patrullas anti-furtivos e defendendo a preservación do hábitat natural das especies que compaxinaba co estudo das poboacións de gorilas. Dende entón, segundo Proxecto Gran Simio, ninguén máis loitou polos grandes simios como ela o fixo, ata o punto de dar a súa vida e ser enterrada xunto aos seus grandes amigos gorilas, asasinados tamén por cazadores furtivos que roubaban ás crías con destino aos zoolóxicos.

Fossey, odiaba os zoolóxicos aos consideraba centros de maltrato físico e tortura psicolóxica. “Non permitirei que convertan esta montaña nun maldito zoo”, dixo.


A Comisión Europea denunciou en 2009 a España ante o Tribunal de Xustiza da UE, ao considerar que numerosos zoolóxicos non seguiron os procedementos de inspección e autorización axeitados e non cumpre coa súa obriga de pechar as instalacións. Recentemente, o tribunal ditaminou o que moitas Organizacións Ecoloxistas e Animalistas estiveron a denunciar, que España incumpre a normativa europea sobre o mantemento de animais salvaxes en parques zoolóxicos de oito comunidades autonómicas, entre as que se encontran Canarias, Cantabria, Extremadura e Galicia, denunciadas en numerosas ocasións.

De feito, segundo a sentenza da UE moitos zoos galegos, empezando polo de Vigo, deberían terse pechado hai un par de anos.


“Estivemos a denunciar xunto a outros grupos as numerosas irregularidades e maltratos que se producen en numerosos zoolóxicos en España e en especial, sobre os grandes simios, delfinarios e orcarios. Os cidadáns deben entender que para que os seus fillos coñezan animais salvaxes, non teñen porque visitar este tipo de instalacións, onde os animais viven en condicións precarias, sen espazo abondo para moitas especies e moitos deles con graves problemas psicolóxicos de comportamento e movementos repetitivos, alleos a un animal san. Ver delfíns e orcos obrigándoos a realizar comportamentos alleos á súa especie, é indigno e hoxe en día debería estar prohibido, como así o recomenda o Ministerio de Medio, declarou Pedro Pozas TerradosDirector Executivo do Proxecto Gran Simio (GAP/PGS-España).


Pozas denuncia a política de moitos zoolóxicos sobre a explotación sexual das femias de grandes simios, xa que ao nacer os seus fillos son retirados baixo o pretexto de non saber coidalos e co obxectivo novamente para que se queden embarazadas, todo iso amparado por un programa de cría en catividade que non é funcional e que só serve para aumentar novos cativos nun círculo pechado que non ten nada que ver coa conservación.

Os grandes simios están en condicións pésimas na maioría dos zoolóxicos. Non son tratados conforme o recomendan os científicos como especie próxima á nosa e membro da nosa propia familia. Explotan ás femias sexualmente e se separan vínculos sociais establecidos, trasladándoos a outros zoolóxicos cando lles interesa aos donos destes centros de escravitude,” argumentou Pozas.

Para Proxecto Gran Simio, o día 27 de decembro, día no que foi encontrada morta Dian Fossey, debería declararse “Día Internacional contra a Escravitude Animal”. Fossey escribiu no seu libro “Gorilas na Néboa” inmortalizado nunha película que: “·A conservación de calquera especie ameazada, ha de comezar con medidas rigorosas para protexer o hábitat natural”. Tamén dixo: “Cando te decatas do valor da vida, tratas de pensar menos no pasado e de concentrarte máis en asegurar o futuro”. Por este motivo, e segundo Pedro PozasFossey abandonou o caderno de notas pola defensa da vida, intentando protexer activamente o hábitat dos gorilas de montaña, sendo asasinada por iso”.


Tamén, dende esta organización denúnciase o trasfego que se realiza de intercambios de gorilas, chimpancés e orangutáns dun zoolóxico a outro, sen respectar lazos familiares e que só serven aos intereses particulares dos donos destes centros. As pequenez das gaiolas, chan de cemento, espazos reducidos nos que os grandes simios son encerrados sen ningún miramento. As condicións en que se atopan os chimpancés e outras especies en zoológicos como o de Cocodrilo Park ou Oasis do Val en Canarias ou a situación de maltrato e ridiculez aos que se someten os delfíns nos delfinarios e os orcos en Loro Parque (Canarias).

Dian Fosseyfoi unha mártir esquecida, unha loitadora activista que debería de ser exemplo de todos os que cren defender os grandes simios na actualidade. As poboacións de chimpancés, gorilas, bonobos e orangutáns están a desaparecer dunha forma veloz e segundo Pozas, “non hai tempo xa para o caderno de notas ou a protección duns cantos grandes simios, como ben sabía Fossey, senón para unha loita activa de conservación das selvas tropicais, contra os gobernos e multinacionais que permiten a destrución do hábitat. É máis difícil que o caderno de notas, máis incómodo, pero non hai outra solución se se quere salvar as súas poboacións actuais do exterminio.”