
Mañá, 23 de decembro, ás 17.00 horas, Amigos da Terra levará a cabo a plantación simbólica dun acivro, especie autóctona e en perigo de extinción, no Parque do Castro de Vigo. O obxectivo desta iniciativa é reivindicar o verdadeiro sentido do Nadal, que é o nacemento e a vida, por iso, en vez de levarnos a árbore a casa e que morra, plantarase neste parque.
Para Amigos da Terra e con independencia das crenzas relixiosas e culturais de cada persoa e de cada país, as datas de Nadal representan e simbolizan universalmente a celebración da continuidade da vida. Non obstante, para a asociación é unha terrible contradición que o símbolo universal desta celebración da continuidade da vida sexa precisamente cortar unha árbore ou como mínimo torturala meténdoa nunha maceta nas nosas casas.
A iniciativa da prantación non é nova, de feito, algúns membros da asociación levan anos realizándoa. Non obstante, este ano, Amigos da Terra quixo ampliar esta idea a toda a rede internacional de Amigos da Terra/Friends of the Earth e aos colectivos e persoas amigas, acadando que a plantación se realice ao mesmo tempo nos cinco continentes.
A intención da asociación é conseguir que este xesto non se quede nunha actividade illada, e que o ano que ven, moitas máis cidades e vilas de todo o mundo se sumen a iniciativa, logrando o nacemento dun movemento mundial, que se converta nunha tradición ano tras ano.
Esperámosvos en Vigo!