
Amigos da Terra, Abeiro, Asociación COMETA, Os Palleiros e LIBERA realizarán un conxunto de actividades en diferentes cidades galegas para conmemorar o DIDA, Día Internacional polos Dereitos dos Animais, que se conmemora, de maneira anual dende 1998, o 10 de decembro de cada ano, coincidindo coa celebración do día internacional dos Dereitos Humanos.
Nesta ocasión, haberá proxeccións orientadas ao público infantil, relatorios sobre a problemática do maltrato animal, mesas informativas e reparto de información en varias cidades, coas que os organizadores pretenden concienciar e sensibilizar sobre a tenza responsable de animais, a adopción fronte a compra-venda e a defensa dos seres vivos en xeral.
Os ecoloxistas e os animalistas coinciden en solicitar unha maior protección para os animais, pois consideran que é unha asignatura pendente do goberno galego, cunha lei que data de 1993, e perante a escasa atención aos seres vivos que continúan a prestar a ampla maioría dos concellos, a pesares das súas obrigas no relativo á recollida e custodia de animais abandonados.
Por outra banda, as entidades subliñan o compromiso crecente da cidadanía de Galicia con respecto á denuncia de casos de maltrato animal, como a aparición de cabalos con pexas nas patas nos montes galegos, o aumento da oposición a espectáculos que empregan seres vivos, como as touradas e circos, ou o fomento da compra “ética” de productos cosméticos e de limpeza que non foron testados en animais.
O “DIDA” toma forza e promete converterse nunha data de especial reivindicación dos dereitos dos animais en Galicia.
Relación de actividades:
A Coruña. O venres 10 e sábado 11 LIBERA repartirá información en varios puntos da cidade, con horario de mañá e tarde. (Depende da situación meteorolóxica)
Santiago de Compostela. Abeiro organiza unha proxección infantil no Centro Sociocultural O Ensanche o 11 de decembro, a partires das 11h, coa colaboración das Concellarías de Sanidade e Cultura. Tamén sortearán un apadriñamento da Fundación Refuxio de Animais de Bando.
Ferrol. Asociación COMETA dispoñerá mesas informativas no CC Dolce Vita de Narón e na cidade de Ferrol, o día 11 de decembro a partires das 11h.
Pontevedra. A protectora Os Palleiros organiza unha rolda de relatorios sobre o maltrato animal o venres 10 ás 19:30h, no Café Moderno de Caixa Galicia. O sábado 11 tamén ofrecen unha xornada lúdica para cativos, con contacontos, globoflexia e exhibición de adestramento canino en positivo no Colexio Campolongo, en horario de mañá.
Ourense. Amigos da Terra coorganiza xunto co Centro Cultural “Sem um Can”, situado na rúa do Vilar 9, a proxección do documental “Océanos de Plástico”, o venres 10 ás 20:30h.