caza

 

A Consellería do Medio Rural ven de encargar a un despacho de avogados, previo pago de 50.000 euros, a redacción da nova Lei de Caza de Galicia, un texto, que segundo Amigos da Terra, debería consensuarse cos diferentes sectores implicados na defensa do medio ambiente.

 

 A administración autonómica parece non ter a intención de incluír as opinións das asociacións ecoloxistas nin a convidalas a participar, por iso, algúns dos grupos ecoloxistas galegos, veñen de presentar un informe onde esperan que a Consellería teña a sensibilidade de ter en conta as propostas ecoloxistas.

 

Pola súa banda, Amigos da Terra esixe que a administración galega convoque á participación dun dos axentes implicados directamente na conservación do medio ambiente con recoñecemento legal outorgado pola propia administración. Amigos da Terra non mendiga un espazo de participación, senón que, no marco da Lei de Aarhus e da propia Lei de Transparencia da Xunta de Galicia, esixe a participación nesta disposición legal con anterioridade á aprobación da mesma.

 

090125_rodeiro_raposo

 

Os motivos que alega para tal pretensión baséanse nos seguintes criterios: 1) por ser parte interesada nun proceso que vai afectar ao medio ambiente; 2) porque os estatutos da asociación a lexitiman para o exercicio da defensa do medio ambiente; 3) porque a administración galega ten outorgada á asociación o recoñecemento legal de entidade de carácter ambiental cunha premisa básica: a defensa do medio ambiente galego; 4) porque a Lei Aarhus regula o dereito a participar en textos normativos e non unicamente na fase de alegacións senón con anterioridade á mesma; 5) porque a asociación é axente implicada na defensa do monte e da biodiversidade; 6) porque representa os intereses da cidadanía e, finalmente, porque representa os intereses da fauna galega.

 

Os diversos sectores sociais involucrados na defensa do contorno deben participar na definición e aplicación das políticas que se establezan en relación, neste caso, ao recurso da caza, para desa maneira lograr unha xestión do recurso que sexa lexítima, transparente e socialmente consensuada.

 

Por outra banda, Amigos da Terra ve innecesaria e cuestionable a inversión de 50.000 euros na elaboración dunha norma administrativa que debera elaborarse no seno da administración, xa que dispón, para levar a cabo estas tarefas de equipos xurídicos propios. Ademáis engaden que se a nova lei non vai dispor de elementos que garantan a sustentabilidade da caza en Galicia, deberán ser aqueles sectores favorecidos pola lei, como a Federación Galega de Caza, os que sustenten economicamente a elaboración desta norma e non o erario de todos os galegos.