
As expedicións realizadas na busca de xacementos de petróleo e gas na fosa atlántica, coñecida como “gran burato” é próximo ás costas galegas, parecen segundo os investigadores arroxar resultados positivos. Amigos da Terra non comprende para quen ou para que resultan “optimistas” os resultados destas prospeccións, que son moi pouco esperanzadoras para o futuro do planeta e os seus habitantes, e aposta polo desenvolvemento dos parques eólicos mariños.
Amigos da Terra considera sorprendente e pouco coherente que unha Universidade como a de Vigo, que di apostar pola sustentabilidade e pola preocupación polo cambio climático, sexa a mesma que inverte entusiastamente inxentes recursos na procura de novos xacementos de combustibles fósiles. Especialmente, é notable a contradición cando se trata de prospeccións mariñas de gran profundidade, que engaden un maior risco medioambiental á xa de por si absurda liña estratéxica.
Seguir nesta carreira desesperada por espremer as últimas pingueiras de gas e petróleo (e queimando carbón) soamente conseguirá incrementar as emisións de gases de invernadoiro e aumentar expoñencialmente o cambio climático, desperdiciando no proceso recursos técnicos e materiais e retrasando aínda máis a aposta decidida pola I+D aplicada a conseguir a maior eficiencia e optimización técnica no desenvolvemento das enerxías renovables.
A asociación é consciente de que as prioridades nas liñas de investigación teñen relación directa con quen as paga, e acostuman ser as grandes empresas transnacionais do lobby do petróleo as maiores financiadoras de moitos departamentos universitarios. A Universidade non debería renunciar ao seu papel de entidade ao servizo do progreso da sociedade, e hoxe xa non existen dúbidas de que continuar no camiño da enerxía baseada nos combustibles fósiles nos leva cara ao suicidio a nivel planetario.
Desde Amigos da Terra animamos á Universidade de Vigo e aos seus patrocinadores a que aproveiten os recursos desas expedicións oceánicas para analizar as posibilidades de desenvolvemento dos parques eólicos mariños “offshore”, unha alternativa enerxética pola que xa veñen investigando e apostando outras universidades europeas e que conta co respaldo da maioría do movemento ecoloxista internacional.
Tamén sería unha boa política de investigación aproveitar esas visitas ás fosas atlánticas para analizar os niveis de radioactividade na zona, xa que, lembremos, moi cerca dese gran burato atópase outro burato que foi ata os anos oitenta vertedoiro de residuos radiactivos metidos nuns bidóns que a estas alturas, probablemente, estean a romper pola corrosión, e que ben podería a Universidade de Vigo intentar recuperar para confinalos nun lugar máis seguro e controlable que o fondo do mar.