
Amigos de la Tierra celebra os avances no Cumio de Nagoya polos seus futuros efectos positivos sobre a biodiversidade e os pobos que viven dela. Un paso máis na protección da biodiversidade significa un paso máis na protección das persoas.
Amigos de la Tierra, presente no 10º Cumio da Convención de Diversidade Biolóxica en Nagoya, considera que a conferencia foi un éxito. As negociacións concluíron coa adopción vinculante dun Protocolo internacional contra a Biopiratería e con novos obxectivos para frear a perda de biodiversidade en 2020. A pesar das deficiencias do devandito Protocolo e de que os obxectivos deberían de ter sido máis ambiciosos, para a ONG internacional o resultado global é un claro avance na protección da biodiversidade.
O Protocolo contra a Biopiratería salvouse grazas a unha proposta no último momento do goberno de Japón, cando parecía que as diferenzas entre as partes eran insalvables. Se ben o texto non asegura suficientemente un axeitado cumprimento, o que abre a porta a posibles fraudes, o resultado é moi positivo: os países terán a obriga de combater a biopiratería e fortalecéronse os dereitos indíxenas e de poboacións locais sobre os seus recursos e os seus coñecementos ancestrais; pensemos que medicamentos como a “Aspirina”, proveñen da medicina tradicional de indios canadenses, que cocían codias de salgueiro para utilizar o bebedizo como calmante. Importantes multinacionais farmacéuticas manteñen investigadores en contacto con “curadores” indíxenas na súa busca de fármacos “milagrosos” contra o cancro e outras enfermidades do mundo desenvolvido. Malia iso nada recibiron a cambio.
A adopción dunha estratexia para “tomar medidas urxentes e efectivas que deteñan a perda de biodiversidade para 2020” foi outro dos pasos fundamentais no Cumio. As arduas negociacións, en parte debido á presión de multinacionais con claros intereses comerciais, e a necesidade dun financiamento adicional procedente dos países industrializados, rebaixaron os obxectivos en comparación co borrador inicial. Por exemplo, o texto recolle que a perda de hábitats debe recortarse á metade para 2020 – en vez de chegar a cero, o que implica que se seguirán perdendo 6 millóns de hectáreas de bosque ao ano. Iso non só supón unha importante perda de biodiversidade e quizais a desaparición de plantas con efectos medicinais decisivos: moitos pobos do mundo subsisten grazas ao que obteñen dos bosques, a súa desaparición (debida a intereses de grandes compañías) non se conseguirá sen mortes, fames e seres (anteriormente felices) desprazados aos cintos de miseria do inframundo. Non obstante, de cumprirse os obxectivos acordados, conseguiranse grandes pasos para deter a perda de biodiversidade en todo o mundo.
A nota negativa do Cumio sitúase no financiamento das medidas de conservación da biodiversidade nos países en vías de desenvolvemento. Se ben se produciron algúns avances, as decisións sobre financiamento da Estratexia terán que esperar á próxima Conferencia das Partes en India en 2012.
A partir de agora, estes compromisos téñense que plasmar ás políticas nacionais, incluída España. Os gobernos necesitan analizar os incentivos que son contrarios á biodiversidade e ratificar e implementar o Protocolo de Nagoya contra a biopiratería, así como adoptar os novos obxectivos estratéxicos nas súas políticas de carácter nacional.
Fernando Ramos, socio de Amigos da Terra e observador de Amigos de la Tierra no Convenio, lamenta, non obstante, o forte inmobilismo que se aprecia no campo da Educación e a Comunicación Ambiental: consideradas como transversais a todo o Convenio e recoñecidas como estratéxicas para o éxito dos seus programas ata o punto de merecer durante o Cumio unha “feira” de experiencias, a realidade é que a maioría das accións expostas eran as mesmas que se tivesen podido observar nun encontro de inicios do século XIX: actividades na natureza con nenos. Teñen os nenos algo que ver coa extinción do lince ibérico? Poden facer algo ao respecto? Por que non se traballa cos sectores que están asociados ás causas da súa extinción? Propostas avanzadas como as da UICN, que inclúen técnicas específicas para traballar cos axentes sociais que xeran a perda real de biodiversidade, non poden ocultar que fai falta un cambio moi profundo nos xestores da diversidade biolóxica mundial, que lles permita comprender que os problemas ambientais son en realidade problemas de orixe social. Neste sentido teño que aprender moito dos pobos do Sur Global, que saben coidar da súa biodiversidade porque niso lles vai a vida, cada día do ano.